O BNG de Ribadeo aféalle a Vega anunciar como propios investimentos do anterior goberno

O grupo municipal do BNG subliña que todos os investimentos anunciados o xoves polo alcalde de Ribadeo foron xestionados, conseguidos, comprometidos e aprobados polo anterior goberno local.

O voceiro nacionalista no Concello ribadense, Pablo Vizoso, aclara que «todos os investimentos que agora anuncia o Sr. Vega foron xestionados, conseguidos, comprometidos e aprobados polo anterior goberno do BNG. Todos, todiños, sen excepción. Fala das obras nas rúas Manuela Barreiro Pico e Pipelo, cuxos convenios asinou o goberno do BNG coa Deputación de Lugo. Máis do mesmo cando se refire ao arranxo do Forte San Damián ao igual que outras obras que xa foron entregadas ou están executándose nestes momentos como as da rúa da Casa do Pobo ou Luz Pozo Garza e  Virxe do Camiño». 


Para Vizoso Galdo «do que se debe de ocupar o Sr. Alcalde é de executar todos eses proxectos tal e como estaban previstos e tal e como foron aprobados. E se pode melloralos, perfecto».

O voceiro do BNG no Concello sinalou que «o PP non pode presumir de nada no tocante á realización destas obras ás que aludía o Sr.Vega. O que está a facer é vivir da herdanza recibida do anterior goberno municipal, que deixou encarrilados moitos proxectos por importe de moitos miles de euros. Dicir outra cousa é faltar á verdade».


Para os nacionalistas «faise estraño que o mesmo alcalde que non para de criticar ao anterior goberno, faga agora seus unha serie de investimentos que casualmente foron xestionados, comprometidos e aprobados no anterior mandato. A que se debe isto: a que están faltos de ideas? A que non saben xestionar?, A vagancia ou un pouco de todo?».


Pablo Vizoso dixo que «chama tamén a atención que faga declaracións grandilocuentes e que diga que o PAC vai estar situado na zona do Xardín, cando iso quedou así establecido aló por maio do 2022 coa sinatura do protocolo de colaboración entre o Concello e a Xunta e polo que o Concello cedería a parcela escollida pola Xunta de entre tódalas opcións propostas».


O voceiro do BNG lembrou que «foi a finais de abril deste ano cando o DOG publicou a modificación do Plan Xeral trala aprobación necesaria da Xunta de Galicia. A partir desa aprobación abriuse o prazo legal de exposición pública de 2 meses que este tipo de procesos requiren. Todos estes trámites foron realizados polo anterior goberno do BNG ademais de consignar nos orzamentos do 2023 os recursos necesarios para adquirir as parcelas. Así que o que ten que facer o alcalde, o Sr. Vega, é avanzar nestes trámites da adquisición dos terreos para que se poida iniciar a obra canto antes. Parece que o Sr. Vega aínda non é coñecedor de todo isto, pero xa lle vai sendo hora». E engadiu: «todo o resto son ganas de laretar».