O BNG de Ribadeo pide explicacións sobre a actuación dos puntos lilas

O BNG de Ribadeo reclama do goberno municipal que se aclare a actuación nos distintos puntos lilas que o concello puxo a disposición das mozas e mulleres ribadenses en diferentes actos festivos que houbo en Ribadeo nestas vacacións. 

«Ante a necesidade de aclarar que ocorreu neses puntos de información, nomeadamente no da Xira de Santa Cruz, e despois da denuncia do Observatorio da Mariña polo Igualdade e doutras persoas que estiveron presentes», desde o BNG pregúntanse: 

  • Cal foi o procedemento seguido para instalar estes puntos lilas de información e asesoramento ante posíbeis agresións sexuais nos diferentes actos que se celebraron en Ribadeo?
  • Estes puntos de información, foron atendidos por persoal do concello coa debida formación para cumprir as funcións propias de tal centro de información? Foron, no seu caso, atendidos por persoas alleas ao cadro de persoal do concello?
  • De ser certo isto último, que procedemento se seguiu para facer a selección e posterior contratación do persoal que atendeu ditos puntos lilás?
  • Fíxose algún tipo de folleto para dar información? Dispúxose, en todo caso, de algún tipo de folleto (xa elaborado para outras actuacións doutros puntos lilas) co que informar ás persoas usuarias de dito punto de información e asesoramento?
  • Estaba presente e á vista o protocolo de actuación a seguir en caso de nos atopar cunha situación de denuncia por agresión sexual? Era coñecedor o persoal que atendeu este punto lila da necesidade de mostrar publicamente dito protocolo de actuación?
  • Que horarios de atención ao público se habilitaron? Cren vostedes que eran suficientes para que estes puntos de información e asesoramento cumprisen a súa función?
  • Estiveron abertos ditos puntos lilás en horario nocturno, precisamente o período en que máis agresións se chegan a producir?
  • Tiveron constancia continuada do desenvolvemento de actuacións por parte das persoas que atenderon ditos puntos lilás ao longo da súa apertura?

Con respecto ao ocorrido no punto lila da Xira de Santa Cruz, o BNG trasládalle ao goberno municipal as seguintes cuestións: 

  • Eran vostedes coñecedores da maneira en que se estaba a proceder na xestión dos punto lilá de Santa Cruz?
  • Que teñen que dicir ao respecto da actuación das persoas destinadas a atenderen dito punto lilá na Xira de Santa Cruz?
  • Cando tiveron coñecemento do que estaba a ocorrer no punto lilá da Xira de Santa Cruz (inxesta de alcohol, realización de xogos non relacionados directamente coas tarefas de tipo punto informativo, senón como puro divertimento, etc.) adoptaron algún tipo de medida ao respecto?

Reivindican tamén «o traballo feito ao longo de tantos anos, que converteu a Ribadeo nun referente de loita feminista e contra a violencia machista» e fan a seguinte pregunta: «non cren vostedes que ocorrido cos puntos lilás nestes días bota por terra o prestixio acadado polo Concello de Ribadeo?». 

«O señor Abascal e Vox negan a violencia machista. O señor Feijoo óbviaa e silénciaa por puro interese e egoísmo político e electoral. Semella que vostedes, a nivel municipal, queren facer de dita loita contra a violencia machista unha reunión entre amigos e amigas e botar unha partida. Señor alcalde, Daniel Vega, vostede dicía hai uns días nunha entrevista que Vox e o BNG se tocaban nos extremos e poñíase vostede no centro e a moderación. Que moderación pode haber en silenciar e negar a violencia machista? Que moderación e seriedade pode haber en facer da loita contra a violencia machista unha festiña entre compis. Señores concelleiros e concelleiras relacionados coa loita contra a violencia machista; señor Daniel Vega, póñanse a traballar e déixense de lerias. Gobernen, que para iso foron elixidos/as. E loiten con empeño contra a lacra da violencia machista, non a neguen nin a ignoren nin fagan dela un teatriño para sacaren unhas fotos e quedaren ben», conclúen.