APAGA organizará o XII Fórum de innovación e formación sobre vehículos
O presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia, Álvaro Doural, explicou que «se segue mantendo máis ou menos o mesmo esquema de traballo que en anos anteriores. É dicir, hai unha parte dedicada ás conferencias e outra aos talleres».
Doural contou que «a inauguración será o 30 de agosto ás 10 da mañá nas nosas instalacións. Esa xornada contaremos coa participación da empresa Enriel e Manuel Lage (doutor enxeñeiro industrial en Madrid e Bilbao), que é unha persoa que traballou en Iveco, en Barreiros… e que agora está xubilado e é un dos nosos novos colaboradores. Lage vai pronunciar unha conferencia sobre a historia do automóbil en España. Xa pola tarde haberá unha serie de talleres como todos os anos. Teremos tamén unha asemblea xeral para proceder á elección da nova xunta directiva e para a presentación das estratexias para os próximos catro anos. Ás 20 h haberá unha recepción no Concello de Ribadeo para todos os participantes».
O presidente de APAGA seguiu a contar que «o día 31 participarán as empresas Robert Bosch e Anest Iwata Ibérica. Tamén haberá unha ponencia sobre URO Vehículos Especiais, a única empresa española que realmente constrúe este tipo de vehículos e que está en Santiago de Compostela. É unha firma moi especializada na fabricación de vehículos para o exército. Despois, vai haber tamén unha conexión online con Ángel Gaitán Risco, que é unha persoa que está constantemente nas redes sociais contando situacións de distintos vehículos, avarías… vai falar das redes sociais aplicadas á motivación do alumnado de FP”.
Doural dixo que «máis tarde, como forma de potenciar os nosos recursos naturais e a sostibilidade de toda a zona vai haber unha subida en barca ata a Ría de Abres de todos os participantes nesta nova edición do noso Fórum».
E engadiu: «o venres participará a empresa BMW e Álvaro Saucas que falará sobre a tecnoloxía do hidróxeno. Despois, contaremos tamén coa presenza da empresa Stellantis. E pola tarde, a empresa Efibat dedicada aos cargadores de vehículos eléctricos. E pecharase este Fórum cunha serie de presentacións de experiencias, o que nos chamamos Testimonios Erasmus+. Son xente que foi de mobilidades durante este ano. Neste caso serán os profesores que foron a Estonia e os rapaces que foron a Italia».
Álvaro Dorual subliñou que «contaremos con 50 participantes nesta edición chegados desde Madrid, Asturias, Zamora, León e de toda Galicia».