Alberto García: «Mondoñedo ten recursos para ser un epicentro cultural importante»
Alberto García (Mondoñedo, 1984) é concelleiro de Cultura en Mondoñedo. Licenciado en Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago de Compostela, chegou á política en 2015 integrando as listas do Partido Popular mindoniense da man de Elena Candia, a actual presidenta do partido na provincia de Lugo.
O feito de ter estudado Ciencias Políticas estivo relacionado coa decisión de de entrar na política?
Si, a verdade é que foi determinante. Sempre me gustou a política, e a política local gústame especialmente pola proximidade coa xente e pola posibilidade de actuar sobre os pequenos problemas do día a día.
Son aproveitables os estudos politolóxicos para a política local?
Por suposto. Na miña carreira profesional é moi aproveitable porque tamén son asesor, neste caso do delegado da Xunta de Galicia na provincia de Lugo. É algo moi aplicable na política local polo conxunto de estudos que engloba: dereito, administración local, historia da democracia española… Todos os temas que se tratan si que serven para este desempeño.
É concelleiro desde 2015, como foi a súa chegada á política da man de Elena Candia?
Con moitísima satisfacción e agradecemento a esa xenerosidade de confiar en min para ir nunha lista nese momento. A boa sintonía tanto con ela como co resto do equipo fixo posible ese traballo grande e intenso, que é como se traballa da man de Elena Candia. Moi cómodo, moi agradecido e moi orgulloso.
A tradición histórica de Mondoñedo vencellada ao Seminario e á catedral fixo que proliferasen intelectuais pertencentes a distintas ramas.
Como valora o traballo de todos estes anos?
Penso que globalmente o que se buscaba era potenciar a cultura en Mondoñedo. Cremos que ten os recursos para ser un epicentro cultural importante, ademais historicamente. O que fixemos foi traballar para afondar nese aspecto e tentar ofrecer unha programación diversa e para todos os gustos. Somos conscientes de que Mondoñedo é unha poboación moi sensible á cultura e tamén é un atractivo máis para as persoas que nos visitan.
Canto á cultura, Mondoñedo é unha localidade na que semella que proliferan os artistas: Cunqueiro, Leiras Pulpeiro, Pascual Veiga…
Supoño que a tradición histórica de Mondoñedo vencellada ao Seminario e á catedral fixo que proliferasen intelectuais pertencentes a distintas ramas. O ser un foco educativo fixo que sempre destacara ese interese pola cultura e, de feito, as asociación son claves na programación cultural. Estas inquedanzas son fundamentais para poñer en valor tanto a estas figuras como os espazos relacionados co patrimonio, que son moitos e sempre é complicado xestinalos. Por iso é importante que, non só a Administración local, senón que os colectivos se involucren para traballar no que Mondoñedo foi e o que queiramos que sexa no futuro.
Seguiremos traballando tamén para ofrecer posibilidades de emprendemento a persoas vinculadas á cultura que queiran asentarse en Mondoñedo e establecer aquí a súa actividade
Que proxectos ten para o futuro?
Un dos proxectos que anunciamos hai pouco foi a creación dun Centro de Interpretación da Artesanía que se chamara O Pasatempo e estará no barrio dos Muíños, que é un foco da artesanía tradicional, a zona de artesáns por excelencia na que se afincaron desde sempre estes profesionais e que tamén está vinculado como mundo da auga. Será un novo museo que servirá para ofrecer outro atractivo máis ao visitante e para divulgar os oficios tradicionais. A liña é seguir apostando por unha programación diversa para todo o ano, poñendo en valor festas nas que cremos que había marxe para a mellora, como no caso destas festas dos Remedios. Seguiremos traballando tamén para ofrecer posibilidades de emprendemento a persoas vinculadas á cultura que queiran asentarse en Mondoñedo e establecer aquí a súa actividade.
Que balance fai do verán mindoniense?
Pois facemos unha valoración moi positiva do verán canto ao turismo. Precisamente, o que se buscaba coa programación era ofrecerlle ao visitante un aliciente máis para quedar en Mondoñedo. Este ano apostouse por unha programación enfocada ao público infantil e seguiremos nesa liña porque foi todo un éxito en todos os eventos programados. Tanto no Mercado Medieval como nos Remedios incluímos moita programación infantil e queremos que esta sexa a tónica para que haxa un programa o máis estable posible ao longo do ano. Tamén cabe destacar unha nova iniciativa, que terá lugar en novembro, que é o festival BreaSon, organizado pola asociación xuvenil Xoldra. Desde a Xunta e o propio Concello houbo un apoio importante para que se poida levar a cabo, apostando por grupos en galego e nunha contorna magnífica como é a praza da Catedral.