O PP de Foz acusa ao goberno local de defender só os intereses da concesionaria Gestagua

O PP de Foz acusa ao goberno de non defender os intereses dos veciños
photo_camera Fotografía: Partido Popular de Lugo
Javier Castiñeira lamenta o cambio de discurso de Cajoto e Fanego, xa que cando estaban na oposición «reclamaban a municipalización do servizo de abastecemento e agora dinlle aos veciños que teñen que consumir auga embotellada».

«Pasan as semanas e os veciños de Foz seguen sen poder usar a auga da traída sen que o goberno local teña unha preocupación real por solucionar a situación, xa que a única consigna que dan é que os veciños consuman auga embotellada», indican os populares de Foz.


O voceiro do PP de Foz, Javier Castiñeira, denuncia esta situación xa que «ademais de supoñer un grave inconveniente para o día a día dos veciños, amosa un cambio de postura de PSOE e BNG, que pasaron de pedir no seu día a municipalización do servizo e abastecemento de auga potable (cando estaban na oposición) a dicirlle agora a todos os veciños que deben consumir auga embotellada. Algo absolutamente incrible».


«Desde o PP de Foz seguimos con preocupación esta situación dende o primeiro intre, escoitando e poñéndonos a disposición dos veciños. Seguimos moi preocupados porque non vemos unha preocupación real no alcalde por solucionar un problema grave que sufrimos todos, pero sobre todo autónomos e pequenos empresarios, como poden ser os hostaleiros», sinalou Castiñeira.


«Ante a falta de transparencia do goberno local, que segue sen achegar as respostas que todos queremos, desde o PP de Foz pediuse, de forma regulamentaria e como corresponde por lei, a celebración dun pleno extraordinario. O señor Cajoto, que é o encargado de convocar ese pleno, está a esgotar os prazos para non dar as respostas que todos queremos», denunciou.


«A realidade é que o señor Cajoto está a facer público o argumentario que lle facilitaron desde a empresa concesionaria e así pensa que dá as explicacións oportunas. Tanto el como o señor Fanego non están defendendo os intereses dos veciños», criticou.


Para Javier Castiñeira «hai un desprezo absoluto aos veciños de Foz e proba disto é a nefasta xestión do servizo da auga municipal tendo como mellor exemplo que cando socialistas e nacionalistas estaban na bancada da oposición reclamaban a municipalización do servizo mentres que agora dinlle aos veciños que consuman auga embotellada».