Non é a primeira vez que ten que asumir a alcaldía en funcións. Como está a vivir esta segunda experiencia?
A verdade é que non estou habituada a levar a totalidade do Concello. É certo que exerzo como concelleira, mais é sempre un traballo máis centrado nas áreas das que es responsable. Ademais, foi unha semana un pouquiño movida, xa que tivemos chuvias bastante fortes, o tema da auga… Hai moitas cousas que tratar, a cada cousa que fas, aprendes algo novo ao que non estás acostumado. Quizais porque cadaquén está máis especializado nuns temas concretos. Por exemplo, Fran Cajoto, obviamente, coñece moito máis sobre as obras e eu estou un pouco máis alonxada, para min é máis inhabitual ou infrecuente traballar traballar con iso, pero aprendo todos os días.
Que propostas ten en materia fiscal para Foz? Falouse moito ultimamente sobre a taxa turística, que opinión lle merece?
Nós, ao renovar o mandato, tiñamos a experiencia dos catro anos pasados. Foi unha liña moi importante ter os impostos conxelados e incluso facer desaparecer algunhas taxas cando houbo un problema moi importante como foi a pandemia, no que a xente tivo moitos problemas e o Concello o que fixo foi non complicar máis a vida da xente. Actualmente seguimos nesa mesma liña, recuperaranse taxas que quedaron derogadas como as de ocupación de vía. Vemos tamén que entraron en vigor taxas novas para as empresas comercializadoras e distribuidoras de electricidade.
Canto á taxa turística, para Foz sería un ingreso moi necesario porque o turismo, a pesar de que trae moitas cousas boas, ao Concello provócalle un estrés cun aumento moi grande de poboación en moi pouco tempo ao que hai que responder cuns medios moi limitados. Isto implica que os cidadáns focegos teñan que asumir un custo maior ao acoller a todas as persoas que veñen en verán. Se todos colaboramos un pouco, creo que sería algo moi interesante para municipios turísticos como é o caso de Foz, de Barreiros etc. Un euro ou dous euros de taxa —aínda que a baremación estaría por estudar— viríanos moi ben. Isto quitaríalle un pouco de peso aos veciños, que teñen que asumir cos seus impostos algo que non terían que soportar se non houbera ese aumento de volume de habitantes. Niso estamos a traballar, un pouquiño á expectación do que di Rueda ao respecto, xa que hai xa varias comunidades autónomas que o están a aplicar. Cremos que non iría en detrimento do turismo e sería un beneficio para que o Concello poida ofrecer uns mellores e máis eficientes servizos no verán.
Que novidades haberá no tocante á programación cultural?
Acabamos de sacar a programación cultural de outono. En Foz non paramos, facemos un esforzo de investimento en cultura moi grande. Incluso desde a Consellaría nos dixeron que Foz, no segundo semestre, era o concello galego que máis programaba. Todo isto pese a ter unhas infraestruturas moi limitadas. A programación de setembro, outubro e novembro estará baseada sobre todo en cine e teatro. Ademais, teremos algo que non se ve moito por aquí, como é a danza. Todos os venres do que queda de setembro imos ter cine cos filmes premiados nos Goya en galego: Matria, As bestas e O corpo aberto. Tivemos pogramación teatral para centros escolares na Sala Bahía con “Feirantes”. Ao longo de outubro e novembro teremos obras teatrais de moito nivel.
Referíase ás infraestruturas, entendo que o ideal sería un auditorio para Foz…
Creo que o auditorio é un grande anhelo de Foz desde hai moitos anos. É algo que levabamos no programa e si que temos planeada unha localización. Estamos vendo cal é a forma de seguir os pasos para comezar con ese proxecto. Evidentemente, o Concello só non pode levar a cabo unha obra desa magnitude, pero imos chamar a todas as portas que sexan necesarias para conseguir a financiación para que Foz teña dunha vez por todas unha infraestrutura deste tipo, algo que as asociacións levan reclamando moito tempo. Deste xeito, todas estas cousas que programamos na Sala Bahía ou na Casa da Cultura, moitas delas seguirán facéndose aí, pero hai outras que nós non podemos traer porque se nos queda pequeno o espazo. Creo que Foz merece un auditorio.
Como está o problema do nivel de trihalometanos na auga de traída?
Acabamos de recibir as últimas análises e o nivel de trihalometanos é moito máis baixo na planta potabilizadora. Esa auga non chegou a toda a rede, no resto aínda se mostran valores por riba dos 100. Esperamos que nos próximos días se estabilice totalmente a situación. Mentres, estamos a traballar coa empresa de abastecemento que está a facer novos cambios, ademais do xa anunciado canto á filtración. Con todas estas medidas, agardemos que se normalice e que finalmente poidamos dar por finalizado este problema. Nós pedímoslle desculpas a toda a poboación, xa que é un problema sobrevido que estamos a intentar solucionar coa máxima premura.
Ademais, o PP acúsaos de falta de transparencia neste tema…
Nós entendemos que a oposición ten un labor de fiscalización do traballo do goberno, mais tamén cremos que non vai cambiar nada que intercambiemos opinións, pois hai uns técnicos que están encargados de que ese traballo se leve a cabo e se faga coa maior dilixencia e da mellor maneira posible. Lanzarnos pedras á cabeza non serve para nada, nin a Foz lle vai servir para nada. Hai que ser serio con traballo, pódense pedir as xuntanzas que se queiran tanto cos dirixentes da empresa como cos técnicos municipais. Actualmente, a oposición non pediu ningunha destas reunións, senón que reclaman unha comisión de investigación. Nós imos seguir traballando de forma seria, continuando coa realización de todos os tratamentos necesarios.
O problema da auga, neste caso da seca, semella que será algo recorrente nun futuro. Algunhas voces falaron da posibilidade da construción dun encoro que abasteza a toda A Mariña. Que opina?
Está claro que o cambio climático inflúe e A Mariña, coa cantidade de xente que vén no verán, que ten unhas infraestruturas deficitarias para o que vai necesitar no futuro. Non sabemos como vai ser o tempo, se vai chover máis ou menos, pero cada concello ten os seus depósitos dimensionados para unha determinada cantidade de habitantes. Creo que nos debería facer ver que temos un problema e que temos que afrontalo. Agora mesmo, A Mariña só ten un encoro, que é o de Río Covo, que é de Alcoa e non está liberalizado e non se pode usar. Non sabemos se sería suficiente con mudar os hábitos de consumo. Non sei se será cuestión da Mancomunidade, creo que os concellos deberían reunirse porque é algo supramunicipal que deberiamos analizar seriamente. Debemos ter altura de miras para poder solucionar esta problemática.
Que balance fai do verán focego?
Moi positivo. Tivemos moitos visitantes, unha programación cultural extensa. Foz segue a ser un lugar moi atractivo para o visitante. Non deixamos de ter en conta todas as necesidades que temos debido ao aumento de visitantes. Creo que a comunidade autónoma tamén ten que ver que todos os concellos que reciben esta cantidade de visitantes acumulados en moi pouco tempo necesitan un apoio. A financiación local, que xa é unha cousa a estudar porque asumimos moitas competencias que non son propias, precisariamos tamén un apoio maior por parte da comunidade autónoma que ten competencias en turismo e moitos máis medios. Facemos un balance moi positivo do verán, pero facémoslle unha chamada á Xunta porque cada vez máis xente escolle o norte, escolle Galicia, e iso cada vez require un apoio máis forte tamén para que sigamos a ser atractivos para toda esa xente.