Javier Alonso, "Chingla": «O pregón estará cheo de recordos da miña nenez»

Francisco Javier Alonso Navarro, coñecido musicalmente e por todos os focegos como “Chingla”, será o encargado de ler o pregón nas Festas de San Lourenzo. O artista, aínda que deixou a vila mariñá no ano 76 para perseguir o seu soño de ser músico, nunca se foi de todo. Triunfou na Coruña, no bar O Indio, do Cantón. Máis tarde pasou polo grupo Ceniza e a orquestra Trébol de Ferrol ata formar o dúo Salva e Chingla. Gravou discos e cancións como Eu quixera, unha auténtica homenaxe aos lugares da súa infancia en Foz. O próximo 13 de agosto presentará un novo traballo en Foz que leva por título Cantarte hei, Galicia, no que colaboran os músicos Sito Sedes e Tito Calviño, dous históricos dos Satélites. 

 

Xa foi pregoeiro no 2012, na Festa do Berberecho de Foz. Como se sente ao ser chamado de novo? 

A verdade é que foi unha sorpresa, sinceramente. Nin pola imaxinación se me pasaba ser pregoeiro das festas de Foz. Unha alegría inmensa, ademais nunhas festas tan importantes como son estas. Contento e desexoso de que chegue o día para poder ler o pregón. 

Pode adiantar algo do pregón? 

Pódese dicir que o pregón estará cheo de recordos da nenez, ata que me fun de Foz con 26 anos á Coruña para dedicarme á música. Lembranzas do San Lourenzo e das xentes coas que coincidín naqueles tempos en Foz. Será moi nostálixco. 

Vén moito por Foz? Ten moita morriña da vila? 

Levo na Coruña case 47 anos pero a Foz vin sempre, ademais de para tocar, que foron moitas veces. Coa familia, coa miña muller e a miña filla, xa levamos anos vindo a Foz no verán. Ao deixar a música no 2010, comezamos a vir tamén algunha tempada durante o inverno. Agora é xa como se vivise practicamente en Foz. Agora está a un paso da Coruña, antes pasabas 4 horas no coche de liña. 

Que recordos garda do San Lourenzo? 

Nesa época eu andaba ao mar. Fun mariñeiro desde os 14 anos e o San Lourenzo que recordo era moi pobre. Andabamos ao bonito e entrabamos o día 8 e saïamos de volta o 12. Algunha vez incluso saín o día 11. Faciamos o clásico: cantar polos bares, tomabamos os viños a mediodía, pola tarde tomabamos o café e xogabamos a partida, á tardiña iamos á verbena ver que orquestras había e escoitalas un pouco e xa á noite, ao Bahía. 

De onde lle vén a afección pola música? 


Meu pai era cantante de taberna. Era mariñeiro e el, mailos seus amigos, cantaban sempre nos bares e nas festas. No inverno, que nesa época non se ía ao mar desde outubro ata marzo, os domingos cantaba moito nos bares. Era a afección que había, non era afección á música, era afección a cantar. Ata a miña xeración seguiuse a cantar. A partir de aí cambiou todo, cambiou a música tamén, os estilos, apareceron as máquinas de discos…