As fortes correntes, o vento e, quizais tamén, un exceso de confianza por parte dos usuarios fan que este verán os rescates nas praias mariñás sexan case diarios. O número de rescates nesta altura da tempada estival xa duplican aos do pasado ano.
O pasado venres pola mañá, cando aínda non había socorristas no areal da Rapadoira, dous monitores de Sensación Surf Escola rescataron a unha muller que non podía saír da auga co seu flotador debido ao forte vento. «Estaban dando clase Jair e Brais, ese día facía moito vento de sur e había unha señora cun flotador que a levou moito para fóra» informa Antonio Rodríguez "Chula", que dirixe a escola de surf focega. «Os bañistas que estaban por alí avisaron aos monitores e foron pola muller, sacándoa de atrás para diante», conclúe "Chula".