O IES de Foz ofertará unha aula de capacitación dixital
Os cursos serán gratuítos e os asistentes recibirán certificación da Xunta. As persoas interesadas poden solicitar información no IES de Foz, a través do teléfono 982.87.02.87.
A directora do centro, Leticia Maseda, explica que para este curso 2023-24 «temos unha novidade no IES de Foz, que é a oferta da aula de capacitación dixital, que ofrece formación para todas aquelas persoas que non estean cursando ningún outro tipo de estudos e queiran formarse en coñecementos dixitais básicos: por exemplo algo tan simple como pedir unha cita previa, no Sergas ou en Facenda, que hai xente que non sabe facelo, ou obter o certificado dixital, buscar información en Google ou en redes sociais; tamén se abordará a seguridade en redes, para saber que páxinas abrir e cales non, ter moito coidado cos virus que andan agora circulando, como comprar online e ademais como usar o correo electrónico, como facer unha videoconferencia,… É dicir, toda esa capacitación dixital que moita xente aínda non ten. Pode vir calquera persoa que non estea cursando ningún outro tipo de estudos, non hai límite de idade e intentaremos facer un grupo, polas tardes; a xente que se anote elixirá o día que lles veña mellor, que poderá ser martes, mércores ou xoves. Os cursos, que son totalmente gratuítos, impartiraos un profesor de informática que temos no centro, Javier. Calquera persoa interesada ten que chamar ao teléfono o IES de Foz, o 982.87.02.87, para anotarse e despois faremos unha reunión para ver que lle día lles vén mellor».
Esta iniciativa está financiada pola Unión Europea (Programa Next Generation); o Ministerio de Educación y Formación Profesional; o Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia; e a Xunta de Galicia.