O PP de Foz quere investigar o problema na rede de abastecemento de auga potable

FOTO PP de Foz petición pleno extraordinario auga
O voceiro popular, Javier Castiñeira, explica que desde o PP se solicitará a convocatoria dun pleno extraordinario para acadar a creación dunha comisión de investigación «tras varias semanas sen poder consumir auga da traída, sobre todo en agosto, o mes máis importante a nivel turístico para o municipio».

«O Partido Popular de Foz non vai a descansar ata que os veciños do municipio coñezan os motivos reais dos numerosos problemas que levan sufrindo todo o verán co abastecemento da auga potable e que afectaron de xeito notable a comerciantes, hostaleiros e autónomos, ademais de danar a imaxe do municipio nos meses de maior afluencia de turistas», advirten. 

«Xa pedimos a creación desta comisión de investigación nos primeiros días desta crise, nas vésperas das festas de San Lourenzo, pero o equipo de goberno nada fixo», lamentou Castiñeira quen afirma que «non se pode entender a total falta de transparencia do equipo de goberno, que parece máis preocupado en defender á empresa concesionaria do servizo que en dar explicacións á veciñanza e aos grupos da oposición». «É fundamental que se avalíen cales son as circunstancias que provocaron esta situación, cales son as solucións e sobre todo saber todos os danos ocasionados e facilitar que os veciños poidan reclamar os danos producidos», engade. 

Javier Castiñeira quixo recordar que «Foz é un dos municipios con mellores infraestruturas na captación (realízase do río Ouro, que normalmente presenta un caudal suficiente) e hai poucos anos que o municipio recibiu unha axuda da Xunta de Galicia para construír os depósitos da auga». «Con esta situación as restricións non poden manterse no tempo sen buscar solucións axeitadas xa que se están a provocar graves danos aos veciños, habendo moitos que que teñen serias dúbidas sobre se a concentración de halometanos puido causar danos na súa saúde», conclúe.