O Concello de Foz contará co equipo de salvamento máis numeroso da Mariña

Cajoto e Alonso co persoal do servizo de salvamento

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, e a concelleira Kathy Alonso presentaron na praia da Rapadoira o equipo de salvamento para a tempada de verán.

 

O equipo estará formado por 17 profesionais: 1 xefe de socorristas, 8 socorristas titulados e 8 auxiliares de praias. Convértese así no máis dotado dos concellos mariñaos, aínda que non se chegaron a  cubrir todas as prazas ofertadas. «Ofertábamos 20 prazas —12 de socorristas— e ata o momento cubrimos 17. É un problema recorrente ao que non se lle pon solución. Necesitamos que durante o inverno a Axencia Galega de Seguridade Pública organice cursos gratuítos ao longo do territorio enfocados a estudantes de carreiras ou ciclos formativos e adaptados aos seus horarios. Debemos ser conscientes de que o traballo de socorrista é estacional, hai que facilitar que máis xente obteña o título», declarou Cajoto. 

 

Horarios

 

O Concello de Foz, que só izará a bandeira azul na praia da Rapadoira, informou sobre os horarios do servizo de salvamento dos seus areais. Deste xeito, A Rapadoira e Llas contan con este servizo de luns a venres de 13 a 19 h e os sábados e domingos de 12 a 20 h. Nas praias de Peizás e Pólas tamén contan con equipo de socorrismo, neste caso entre as 13 e as 19 h de luns a venres e de 13 a 20 h sábados e domingos. A praia de Areoura disporá dun auxiliar neste mesmo horario. 

 

Outros servizos

 

O rexedor municipal destacou que «a prioridade do Concello de Foz é a seguridade dos areais e o coidado dunhas contornas naturais que contan cun gran número de servizos. Neste sentido, o Concello de Foz conta desde hoxe, mércores, con 7 operarios para a limpeza dos areais e o reforzo de limpeza viaria. Ademais, están abertos os baños situados nas áreas recreativas do Bispo Santo e Ponte de Ferro e nas praias de Fondás, Peizás, Pampillosa, Arealonga, Pólas, Xuncos, Areoura, Rapadoira e Llas. En todos eles faise unha limpeza diaria, a excepción de Rapadoira e Llas, que contan durante o verán con dúas limpezas ao día». 


O alcalde fai un chamamento para que «entre todos coidemos o espazo natural que son as praias, non deixando lixo e recollendo calquera desperdicio ao abandonar os areais». Cajoto informou tamén sobre o cribado da area da praia da Rapadoira, que se realizará o 17 de xullo, unha vez remate o período de protección para a nidificación que establece a Xunta de Galicia para a píllara das dunas, especie catalogada como ameazada. Recorda, por último, que «as ordenanzas municipais establecen que ata o 30 de setembro non se poden baixar cans á praia a excepción da de Tupide, con sancións que van dos 50 aos 750 euros».