Grande Amore: «Se quixera facer música noutra lingua, non podería»

Nuno García Pico, coñecido musicalmente como Grande Amore

Nuno García Pico (O Valadouro, 1995), coñecido no mundo da música como Grande Amore, recíbenos no Cambota, un asador da súa vila natal. Non “vamos enchernos”, mais si “vamos falar de cousas”. Semella ter certa inclinación por este tipo de restaurantes, xa que un dos seus últimos videoclips —Pelea— está gravado no San Pedro de Alfoz. Aínda que estudou Filosofía e Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela, desde o 2019 o seu éxito no panorama musical “non parece ter fin”. Comezou a facer música aos 13 anos e formou parte dos grupos Skholma e Oh! Ayatollah. Desde o seu primeiro concerto en Ferreira ata encher escenarios por todo o Estado. “Nos noventa en Frexulfe, hoxe na túa cabeza”. 

 

Por que “Grande Amore”? 

 

En realidade non se me dá ben iso de poñer nomes. Un día comendo no China Ming de Santiago, cando comezaba a sacar as primeiras cancións, vin a un tipo cun suadoiro que poñía “Grande Amore” e chamoume a atención. Nun primeiro momento pensei que sería dalgún grupo, mais cando procurei en internet e non aparecía nada, quedei con el. 

 

Semella que tés certa fascinación por todo o italiano, incluso coa canción “Mondo Dolore”...

 

A de “Mondo Dolore” fixémola moito despois de escoller o nome. A verdade é que non teño ningunha vinculación con Italia.

 

Quedamos nun asador, parece o videoclip de “Pelea”, imos pelexar ou tés certa inclinación por este tipo de restaurantes?

 

O vídeo de “Pelea” gravámolo no San Pedro porque é un sitio que nos gustaba e ademais coñeciamos o dono por ser da zona. E aquí quedamos porque o local é do meu padriño. Por proximidade, vaia. Canto ao de pelexar, hoxe non imos montar ningunha, en principio. 

Cantas veces che preguntaron por que cantas en galego? 

 

Últimamente a verdade é que tampouco mo preguntan tanto. Hai anos, cando comezaba a tocar en grupos en Santiago, si que era máis común. Agora está bastante máis normalizado. Debería dar unha resposta un pouco máis épica, mais a verdade é que falo en galego. Se quixera facer música noutra lingua, non podería. Sendo de Ferreira, paréceme unha loucura cantar, por exemplo, en inglés. 

 

Hai outra peor: “¿cuándo vas a dar el salto al castellano?”

 

Penso que na miña xeración todo iso está máis normalizado. Para min non ten sentido cantar en castelán, por exemplo. Para que? Para vender? Para vender onde? A quen? Sinceramente, creo que non me daría expresado en castelán dunha maneira en que apelase a alguén, poño por caso, de Albacete. 

 

Outro ilustre mariñán, Martiño Suárez, reivindicaba o seu dereito a cantar estupideces en galego. Cres que xa está superado o clixé de que o galego na música é válido só para o tradicional e para facer a revolución?

 

Coido que é unha visión reduccionista que non se corresponde coa realidade. Sempre houbo proxectos moi interesantes: Os Resentidos, o movemento bravú ou toda a época dos anos 2000 con Fanny&Alexander, Ataque Escampe, etc. Acho que desde fóra, ao mellor se lle está prestando máis atención agora á música feita aquí. Proxectos que fuxen de calquera tipo de clixé houbo sempre. Estamos nun momento moi efervescente porque hai moita xente facendo cousas. 

 

Relacionado con isto, que opinas do “beef” entre Boyanka Kostova e Hugo GZ? 

 

Persoalmente o concepto de “beef” non vai comigo. Quizas cando era máis mozo me podería interesar máis. Creo que a problemática da que falan non é tal, xa que Boyanka e SonDaRúa comparten moito público. Esa intersección existe: hai xente que está totalmente despolitizada que escoita SonDaRúa e xente moi politizada que escoita Boyanka Kostova. Creo que se trata máis dunha mala relación persoal, todo está moito máis mesturado do que parece, non creo que sexa un debate real. 

 

Lin nalgún sitio que eras un admirador de Albert Camus. Na túa condición de graduado en Filosofía, que opinas da súa cita “A única cuestión filosófica serie que existe é a do suicidio”? A morte está moi presente nas túas cancións, por que?

 

Camus debe ser o escritor que máis me gusta desde que lin “O Estranxeiro” na miña adolescencia. Si, con esa cita comeza “O mito de Sísifo” e o meu Traballo de Fin de Grao ía precisamente sobre a noción do absurdo, se o suicidio é a solución ao absurdo da existencia. 

 

A morte está moi presente en min e nas miñas cancións. Tamén trato outros sentimentos, moitos deles escuros. Este tipo de temáticas quizais non as teño moi presentes na miña vida cotiá, pero si que están nos meus temas e sobre todo no último disco que sairá en setembro. Pode ser unha especie de catarse do meu día a día. 

 

Falando do novo disco, pode ser que “Onde ela me quer levar” sexa a túa canción máis romántica?

 

Si, totalmente. En comparación co resto, esta sería a balada. O disco gravámolo en Sevilla, no estudio “La Mina”. Raúl Pérez, que é o enxeñeiro de son, cada día que pasaba ía minguando porque todas as cancións eran rapídisimas e berradas. Dicíalle: «a seguinte é máis lenta, a seguinte si que é a balada». Pasei por diferentes etapas neste sentido: desde o momento en que descubres o amor e se converte no principal tema de creación ata rexeitalo completamente. Agora estou nun momento en que poden aparecer unha ou dúas cancións nun disco.

 

Como levas a “Nunomanía”?

 

É algo asumible. A miña vida non é a dunha estrela do rock. Está ben romantizalo e imaxinalo desde fóra, pero a miña rutina non cambiou tanto: cando non estou tocando por aí adiante, estou na casa co meu compañeiro de piso. 

 

Poderiamos dicir que es un embaixador da Mariña en todo o Estado? Cal é o teu recuncho favorito?

 

Non son moi chauvinista. Pero a verdade é que cando levo uns días por aí fóra sinto que teño a necesidade de volver. É entrar pola Gudiña e xa se me pasa. 

 

Teño que dicir Frexulfe. É a miña parroquia. A que está xusto antes do Cadramón. 

 

Un prato, unha praia e unha festa que nunca decepcionan…

 

O kebab de Burela, hai xente que di que non é para tanto, pero para min é o mellor e teño probado moitos. Non son moi de praia, mais se teño que escoller sería a praia do Cabaliño en Burela. E canto á festa, o Mercado de Primavera aquí en Ferreira, un dos concertos máis apoteóticos que dei na miña vida e iso que tocar na túa vila impón un pouco.