A SD Ponferradina e o CD Arenteiro disputarán o trofeo Encontros no Camiño
O trofeo de fútbol do mesmo nome disputarano a SD Ponferradina e o CD Arenteiro, ambos equipos de Primeira RFEF, o vindeiro 29 de xullo ás 19 h no campo de fútbol municipal Pepe Barrera. No acto de presentación estiveron presentes o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega; o edil de Deportes, Francisco José Silvent; a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo; directivos do Ribadeo FC; de Amigos da Gaita e de Sargadelos; así como o xefe provincial de Deportes da Xunta, Manuel Otero; e os concelleiros de Turismo e Medio Ambiente, Marta Saiz e Diego dos Santos.
A responsable de Cultura, Begoña Sanjurjo, sinalou que «o Camiño de Santiago é un punto de encontro de persoas de diferentes países, idades e ideas. Ribadeo é porta de entrada do Camiño Norte e na nosa vila é onde se celebrara o día 29 o partido de fútbol Encontros no Camiño, unión de deporte e patrimonio cultural». Silvent explicou que se trata de «dous equipos que forman parte do Camiño de Santiago». Pola súa banda, o rexedor municipal, Daniel Vega, manifestou que «esta cita é unha forma moi positiva de recordar aos que empezaron a loitar tanto por Amigos da Gaita como polo Ribadeo FC, que son os irmáns Suárez Couto. Os que empezaron todo isto foron eles. Trátase dunha familia que impulsou dúas entidades moi importantes para Ribadeo». Ademais, subliñou que «o trofeo é significativo, feito polo ourensán Faílde». Para Vega «é moi importante xuntar cultura con deporte e isto é o que queremos facer desde o Concello de Ribadeo: impulsar a cultura, impulsar o deporte e con iso traballar conxuntamente entre todos».