Neste novo torneo enfrontaranse os equipos que foron campións das Copas Oficiais celebradas na tempada pasada: o Victoria CF como vencedor da LXXX Edición da Copa da Coruña, o Sofán SD como vencedor da LVIII Edición da Copa da Costa, o CCRD Perlío como vencedor da XX Edición da Copa de Ferrol, a SR Calo como vencedor da LV Edición da Copa do Sar, o Atlético Arnoia como vencedor da XLII Copa Deputación de Ourense, o Ribadeo FC como vencedor da XXXIV Copa Deputación de Lugo, o Portonovo SD como vencedor da Copa Rías Baixas de Pontevedra e o SD Juvenil de Ponteareas como vencedor da Copa Rías Baixas de Vigo.
O sistema de competición constará de dúas eliminatorias —que se disputarán baixo un sistema de partido único en campo neutral previamente designado pola Federación Galega— e unha final, que se disputará no estadio de Balaídos, pois este novo torneo está integrado dentro do programa de actos de celebración do centenario do R.C. Celta de Vigo.
Así pois, o Ribadeo FC terá que xogar contra o Atlético Arnoia na primeira das eliminatorias. Con respecto ás datas, estes partidos de cuartos de final levaranse a cabo entre o 12 e o 20 de agosto, mentres que as semifinais terán lugar desde os días 26-27 de agosto e até o 2-3 de setembro. Para a final, barállase a data do 12 de outubro.