Ensino, Perfumerías Avenida e Araski disputarán o I Trofeo Triangular Illa Pancha
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou que «debemos marcar nos nosos calendarios os días 1, 2 e 3 de setembro xa que terá lugar na nosa vila o primeiro Trofeo Triangular Illa Pancha no que contaremos con tres equipos de baloncesto da máxima categoría nacional da Liga Endesa Feminina. Estarán por primeira vez en Ribadeo o Perfumerías Avenida de Salamanca, o Araski de Vitoria e o Ensino de Lugo. No Concello estamos orgullosos de acoller un evento deportivo destas características».
O edil ribadense explicou que «o venres 1 e o sábado 2 os partidos serán ás 20 h mentres que o domingo 3 terá lugar ás 12.30 h. Antes tamén xogarán as categorías inferiores de cada club. Xunto co CB Ría de Ribadeo, desde o Concello queremos agradecer a oportunidade de celebrar un triangular desta categoría na nosa vila así como a colaboración de Droce”.
Silvent engadiu: «unha vez máis, desde o Concello de Ribadeo queremos mostrar o noso máximo apoio ao deporte feminino e convidar a todo o mundo a asistir a este evento sen precedentes na nosa vila».
No acto de presentación, que tivo lugar no Pazo de Ibáñez, participaron o alcalde, Dani Vega, o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, a concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, e o presidente do CB Ría de Ribadeo, José Ramón Vázquez.