O fútbol e a vida constrúense a base de pequenas historias. O escritor uruguaio Eduardo Galeano, coa súa prosa sen artificios a medio camiño entre a crónica xornalística e a narración literaria, soubo contalas mellor cá ningún outro. Foi un mendigo do bo fútbol, un perseguidor de relatos anónimos que sempre soubo situarse na barricada dos oprimidos e dos condenados da terra. Coma quen di, dos Balbinos que non figuran na historia universal; dos ninguéns que custan menos que a bala que os mata.
Nunha das súas obras recupera a memoria do galego Bebel García (Ribadeo, 1913 - A Coruña, 1937), militante socialista e futbolista durante varias tempadas nun lonxano Dépor de preguerra. Aínda que o propio Galeano escribiu que era “zurdo para xogar e tamén para pensar”, outros testemuños revelan que se desenvolvía como extremo no carril destro. Sexa como for, manicho a perna cambiada tanto na vida como no terreo de xogo, axudou o seu equipo con 11 goles nun total de 28 encontros, disputados todos na segunda división. Non obstante, poucas son as liñas que ocupa a súa figura nas diferentes historias do club coruñés. Pedro de Llano, Bocelo, afirma que era un bo xogador, de caneo seco e espectacular. «Era un bo dianteiro. Aínda que moi baixiño, case anano, tiña unhas condicións fabulosas para o fútbol, pero na cabeza tiña outras cousas», recordaba para La Voz de Galicia Rodrigo García Vizoso, un dos deportivistas cos que chegou a compartir vestiario. Mais a de extremo ou á destra foi sempre unha posición rodeada dun halo de soidade e, en ocasións, acompañada dun fado tráxico para os seus ocupantes. Abonda con lembrar ao brasileiro Garrincha, a Alegría do Povo consumida polo alcohol; ou ao ídolo do Torino Gigi Meroni, unha farfalla granata atropelada polo seu propio destino.
As guerras supoñen unha tráxica paréntese en moitos ámbitos da sociedade. O fútbol tampouco se libraría desta situación: moitas competicións foron paralizadas, algúns futbolistas tiveron que marchar ao exilio e outros resultaron vítimas da barbarie e da violencia. O caso máis paradigmático quizais sexa o de Bruno Neri, internacional italiano e partisano durante a II Guerra Mundial que morreu apretando o gatillo do seu fusil contra o invasor alemán. A mesma sorte correría Bebel, que viu truncada a súa carreira futbolística co estalido da Guerra Civil.
Mais para coñecer polo miúdo a peripecia vital do noso protagonista e da súa familia é preciso viaxar ao Ribadeo dos anos dez do século XX. Nesta vila mariñá contraen matrimonio o carpinteiro José García Iglesias e a eonaviega Concepción García Álvarez. Ao cabeza de familia podémolo atopar na altura como membro da sociedade obreira La Prosperidad e en 1914 como presidente da Juventud Socialista. A parella tivo, ademais de Bebel, outros sete fillos. De todos eles, só o primoxénito, José ou Pepín, foi bautizado. Ademais, os restantes herdarían por vía ideolóxica curiosos nomes relacionados con destacados persoeiros da esquerda europea: Bebel (por August Bebel, dirixente socialdemócrata xermano), France (por Anatole France, escritor francés gañador do Premio Nobel), Jaurés (por Jean Jaurès, político socialista galo), Voltaire (por François-Marie Arouet, Voltaire, filósofo e historiador) ou Berthelot (por Marcellin Berthelot, político e ilustre químico). Precisamente pola súa actividade política, José García Iglesias foi desterrado a 150 kilómetros da vila de Ribadeo. Así as cousas, a familia mudaríase ao número 24 da coruñesa rúa de San Roque, onde rexentarían un pequeno negocio de fabricación de lixivia. Unha profesión que os ligaría de por vida a un alcume: os “Hermanos de la Lejía”.
“Os da lejía”, revolucionarios desde o berce, axiña se organizaron políticamente na súa nova localidade como membros das Juventudes Socialistas Unificadas. A súa primeira detención produciuse pouco antes do comezo da guerra cando France e Bebel foron retidos no fortín das Durmideiras baixo a acusación de facer exercicios de formación e entoar cantos subversivos. Impuxéronlles unha multa de 250 pesetas por actos contra a orde pública. Tras o golpe do xeneral Franco, loitaron nas rúas da cidade herculina contra os sublevados e formaron parte das milicias populares que defenderon o edificio do Goberno Civil, que estaba a ser asediado pola artillería situada no Parrote. Superados en número e contando só co material expropiado por Pepín nunha armería, víronse derrotados e tentaron fuxir. O seu destino, coma o de moitos outros galegos, era Asturias. Tan só conseguiron chegar a Guitiriz, onde o 25 de xullo de 1936 foron arrestados Bebel, France e Jaurés. Nunha parodia de xuízo militar sumarísimo celebrado na Coruña, foron condenados por rebelión militar co resultado de sentenza de morte. Jaurés, que aínda era menor de idade, foi encarcerado. Ao ano seguinte encontrarán tamén o seu cadáver nas proximidades do cemiterio de San Amaro. Díxose que tentara escapar do coche que trasladaba os presos con motivo dun cambio de cárcere.
Mentres, os pequenos Berthelot e Voltaire, de 8 e 11 anos de idade, vivían baixo a ameaza dos falanxistas que, segundo relata un dos seus familiares, acudían en manifestación á porta da súa casa ao berro de “hai que matar a semente”. Posteriormente, os dous nenos atoparían refuxio no Castropol natal da súa nai. Pola súa parte, Pepín, conseguiría fuxir de Galicia chegando por mar a Baiona (Francia). Pasou á zona republicana e enrolouse no 4º Batallón Galego da 2ª División que loitou nas frontes de Madrid, onde perdería unha perna na batalla de Brunete. Despois de recuperarse no hospital de Tarragona, foi trasladado a San Pedro de Ribas-Sitges como capitán gobernador. Coa guerra xa rematada volvería a terras galas, e desde alí, poría rumbo a Chile a bordo do Winnipeg. Finalmente, exiliouse en Bos Aires, onde na actualidade viven os seus descendentes.
“Viva a revolución” foron as últimas verbas de France García. Entre os documentos incorporados á causa xudicial 366/37, os versos dun poema adicado á súa figura: Si el fascismo es derrotado, / adelante, camaradas; / que hay que cumplir lo que France / nos ordena en esta carta, / que escribió antes de morir / a la que tanto amaba, / la escribió con tinta roja / y el pulso no le temblaba. Bebel García tamén tería algo que dicir antes de perder a vida naquel verán do 36 en Punta Herminia. Asi relata Galeano a súa derradeira vontade, a última mensaxe de furia e rebeldía necesarias do extremo destro do Dépor:
Once días despois do cuartelazo de Franco, cando acaba de cumprir vinte e dous anos, enfronta o pelotón de fusilamento:
ㅡUn momento ㅡmanda.
E os soldados, galegos coma el, futboleiros coma el, obedecen.
Entón Bebel desabrocha a bragueta, lentamente, botón tras botón, e de cara ao pelotón bota unha longa mexada.
Despois, abrocha a bragueta:
ㅡAgora si.
Non foi o único xogador coruñés fusilado. Lemos, que estaba a facer a “mili”, foi un dos soldados detidos en 1937 acusados de preparar unha insurrección contra os seus superiores. A outros, como é o caso Cachán, déronlles a escoller entre a cadea ou a Lexión: elixiu a segunda opción e acabaría morrendo na fronte de guerra. O porteiro Paco Trigo e o defensa Layas, relata Fernández Santander, “tamén estiveron a piques de morrer paseados”.
Na súa memoria, a denominación de “Hermanos de la Lejía” figura desde hai varios anos no rueiro da cidade da Coruña. Na súa homenaxe, no Campo da Rata, preto de onde foron asasinados, un monumento ás vítimas da represión franquista deseñado por Isaac Díaz Pardo. Entre as engurras do granito, aínda o sangue dos mártires e unha inscrición: «inmolados nestes campos fronte ao mar tenebroso por amar causas xustas».