CD Lugo e SD Compostela disputarán a XXXIV edición do trofeo Vila de Foz
Rivera destacou: «este ano temos un cartel con dous equipos históricos da nosa Galicia, o Club Deportivo Lugo e a Sociedad Deportiva Compostela, e parécenos que vai ser un derbi interesante. Queremos poñer en valor a axuda do Concello e tamén agradecemos a todos aqueles directivos e outras persoas que se acercaron ao campo para axudar nos traballos de última hora. O partido empezará ás seis da tarde, pero as taquillas xa se abrirán ese mesmo día, o sábado, de 12 a 14 horas e tamén de 16 a 18 horas; é importante para todos aqueles que non queiran facer moita cola que saiban que poderán mercar as entradas xa de doce do mediodía a dúas da tarde. Os trofeos foron feitos en Otero Regal e son moi bonitos. Esperamos que as gradas estean a rebordar».
O alcalde agradece «o gran traballo e o enorme esforzo do Club Deportivo Foz e do seu presidente, Pepe Rivera. É a 34ª edición do trofeo Vila de Foz, o que non é fácil. Desta volta o CD Lugo e máis o Compos vannos facer desfrutar dunha tarde festiva de fútbol no campo Martínez Otero, que a bo seguro que vai estar cheo para recibir a estes equipos. Animo ao Club Deportivo Foz a seguir facendo as cousas como as está facendo e animo á xente a que se achegue ao deporte, en concreto ao fútbol, que desfruten facendo aquilo que máis lles gusta a todas as nenas e nenos. E que a xente acuda ao campo porque seguro que van quedar moi pouquiñas entradas». A concelleira de Xuventude tamén «animou a todos os rapaces novos a gozar deste partido de fútbol».