Xara Fest: «Queremos devolverlle á nosa zona todo o que nos fixo ser como somos»
Pese á súa xuventude, comezaron hai anos a organizar batallas de rap coa asociación A Mariña Battles: «comezamos coas batallas, fixemos unhas seis ou sete entre 2018 e 2019. Ao principio era todo moi modesto. Nós faciamos rap e non tiñamos onde facelo porque para todo tiñas que desprazarte ou a Xixón ou a Santiago, na zona non había nada. Con 15 ou 16 anos decidimos montar nós algo e xa na primeira edición xuntamos unhas 100 persoas. A nosa canle de YouTube foi tendo visitas, acadando 1.100 subscritores e aproxidamente 300.000 visualizacións. Cada vez que organizabamos algo viña xente de moitos sitios: da Veiga, de Castropol, de Tapia, de Xixón, de Oviedo ou da Coruña. Nas últimas edicións, en Cabanela, xuntabamos unhas 300 persoas», explican. Foi nunha desas edicións cando pasou por Ribadeo o que a día de hoxe é un dos máis recoñecidos freestylers españois, Gazir. Para eles, o festival foi o seguinte paso dunha evolución natural: «comezamos a estar cansos das batallas, deixamos de consumilas, deixamos de rapear, mais seguiamos con ganas de organizar cousas e así xurdiu a idea do festival. Antes da pandemia xa lle estabamos a dar voltas, mais non puido ser. Ademais, eramos case todos menores de idade e todo era máis complexo», indican.
Canto ao cartel, destacan os nomes de Ergo Pro & Ill Pekeño, Selecta ou os galegos Boyanka Kostova: «o que máis nos gusta é a escena underground que hai agora mesmo en España. Son artistas que non soan na radio, mais que teñen moito público. Estase a crear unha industria que permite que os artistas xiren». Os cabezas de cartel desta primeira edición serán os rapeiros do sur de Madrid Ergo Pro & Ill Pekeño, conciencia de clase e moito barrio: «teñen un concerto moi potente, moi animado. Aínda que teñen perfís de Spotify separados —cada un deles suma 300.000 oíntes mensuais— sempre van xuntos. Foi o primeiro nome que saíu, a verdade é que nese sentido tivemos sorte». O galego tamén estará presente no Xara da man de Boyanka Kostova, ou o que é o mesmo, Cibrán García e Chicho, pioneiros do trap galego: «dentro da proposta menos mainstream en Galicia, pareceunos a aposta máis acertada e interesante. Son un grupo que escoitamos no día a día. Mesturar folclore con trap e con música eléctronica representa tamén un pouco a estética do festival, a combinación da tradición co novo. A cultura popular coa modernidade. Ademais, é un grupo para todos os públicos. Son tamén uns artistas que se separan do que se fai en Galicia habitualmente, que é un rap máis político». De Selecta destacan que «é un productor moi recoñecido que está a deixar de estar na sombra para crear a súa propia imaxe. Ademais, nas súas recentes Motorseries colabora con moitos artistas como Natos, We$t Dubai, Easy S ou o propio Ill Pekeño. É moi interesante porque é unha forma de traer a todo o panorama cun só artista». A aliñación complétase co trapeiro galego C Mirazo.
Aínda que será a primeira edición, as previsións dos organizadores son moi positivas: «tennos falado xente de Andalucía por Instagram para preguntarnos pola dispoñibilidade de hoteis para esas datas. Calculamos que veñan máis de 2.000 persoas. Ademais, salientan a gratuidade do festival: «por agora será de balde, se podemos seguirá a ser así. É o primeiro, así que está ben para mostrar o que podemos facer, para darnos a coñecer».
Camiseta retro e vídeo viral
Se hai algo que traballan ben os rapaces do Xara son as redes sociais. Desde a súa planificada estética ata a mestura de cultura popular e a tradición co máis novo: unha lata de sardiñas, a carta dun restaurante, a portada dunha revista de pesca ou unha Game Boy Color, os seus perfís nas redes son, por si mesmos, pezas artísticas. Nesa mesma liña, nas súas contas de TikTok e de Instagram compartiron un vídeo —que axiña se viralizou— no que saen a avoa dun dos organizadores xunto a unha amiga facendo unha promoción das camisetas de fútbol retro do festival. Uns polos deseñados pola marca galega Zico ao máis puro estilo Boyanka.
No referido aos horarios, explican que «o festival comezará ás 20 h, mais imos tentar crear ambiente durante todo o día. Teremos un mercado con postos nos que haberá roupa de marcas independentes, tamén venderemos as nosas camisetas e merchandising dos artistas que veñen». Ademais, agradecen a colaboración do Concello de Ribadeo, da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo. E tamén de negocios como A Cofradía de Rinlo, El Risón de Castropol e o Barallocas. Javier, Mario, Alejandro e Alberto, porén, xa están pensando na vindeira edición: «nada máis rematar, tomaremos un par de semanas de descanso e poñerémonos a traballar xa». En definitiva, un novo festival que, da man da mocidade ribadense, chega para ficar. Como eles mesmos manifestan nas súas redes: «O Xara Fest nace co obxectivo de crear cultura e prover dun lecer alternativo que ten pouca presenza na oferta da zona a pesar da súa relevancia. Como rapaces criados na Mariña Lucense e o occidente asturiano, démonos conta do potencial destes lugares cando empezamos a vivir en núcleos poboacionais maiores, onde este tipo de ocio ten moita máis cabida pero o escenario tampouco é mellor. Por iso, desde o amor e o altruísmo, queremos devolver á nosa zona todo o que nos fixo ser como somos, e que as novas xeracións poidan desfrutalo. O eixo central? A música, pero rodeada daquilo que a acompaña e a fai latente na xente nova».