Ether: unha odisea electrónica en Viveiro

Fotografía: Facebook ETHER
O 28 e o 29 de xullo terá lugar no Pazo da Misericordia o Ether, un festival que na súa sexta edición levará a Viveiro a mellor música electrónica nacional e internacional.

Unha das novidades deste ano será a súa nova localización no Pazo da Misericordia, edificio histórico e lugar en que naceu José María Bermúdez de Castro y Pardo —destacado político e militar que serviu durante os últimos anos do reinado de Isabel II— así como outros destacados persoeiros da historia de Galicia. Os escritos din que o pazo foi inaugurado o 29 de xullo do ano 1603, polo que a presente edición do Ether coincide co 420 aniversario da senlleira edificación. Non rematan aquí as referencias ao patrimonio viveirense, pois o nome do festival, Ether, fai referencia á derradeira serie de cadros —pertencentes á súa etapa cosmolóxica— da pintora surrealista Maruja Mallo

 

O festival comezou no 2015, mais «eu habitualmente xa viña traballando no tema dos eventos. De feito, o meu primeiro evento no concello de Viveiro fora cando eu tiña 14 anos, xa que viña de facer uns cursos de DJ e quería mostrar o que facía e xa daquela a primeira actuación fora na Praza Maior» afirma Karras Martínez (Viveiro, 1986), un dos organizadores de Ether e tamén un dos artistas do cartel deste ano. «Fómonos reunindo un grupo de amigos que tiñamos as mesmas motivacións e as mesmas ganas de comezar con algo así e, de forma natural, arrincamos en 2015 coa primeira edición», engade o artista. 

Desde a organización do festival destacan que é a súa edición máis internacional, con artistas emerxentes do panorama europeo como Annē (Grecia), Hertz Collision (Italia) e Varya Karpova (Rusia), sen esquecer o talento autóctono de Isma B, Leo Meizoso ou Karras Martinez entre moitos outros. «Sen dúbida o que ten Ether é que nos fixamos moito na escena actual tanto nacional como internacional. A verdade é que sempre tentamos traer artistas emerxentes. Chega con botarlle unha ollada ao line-up dunha edición pasada para ver que na actualidade son un reclamo a nivel mundial como Charlotte de WitteChelina Manuhutu ou Lilly Palmer. Este ano volvemos a basearnos niso facendo unha aposta tanto por artistas locais como internacionais», explica Karras Martínez. 

A oferta cultural do Ether divídise en dúas partes: por unha banda, está o festival, con entrada gratuíta, que se celebrará o sábado 29 a partir das 15 h; e pola outra, os Etherkids, actividades de lecer para os máis pequenos nas que se fomenta a creatividade a través de novos contextos coa música electrónica como protagonista. Ether – An Electronic Odyssey é un festival único onde se pode gozar da mellor música tecno, house e electro, mais tamén da natureza, o ocio e a vida social que ofrece o verán de Viveiro.