"Da granxa á mesa", promovendo a calidade dende a terra ata a mesa

IMG_0124Degustacíon de frutas en Tropic Gaia, como
parte das visitas do programa Da Escola Á Granxa.
photo_camera Degustacíon de froitas en Tropic Gaia, como parte das visitas do programa Da Escola Á Granxa.

Nun esforzo por destacar a calidade dos alimentos producidos nas zonas rurais e sensibilizar sobre o seu consumo, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da súa área de Xuventude, ven de impulsar a iniciativa ‘Da granxa á mesa’. Este proxecto busca fomentar o consumo de alimentos procedentes da contorna máis próxima, promovendo así a sostibilidade do rural e reducindo o impacto ambiental derivado das decisións de consumo.

logo mocidade  deputación

Co lema "Da granxa á mesa", convídase a valorar e consumir os alimentos de proximidade, recoñecendo a calidade de aqueles producidos en granxas e obradoiros alimentarios das comarcas de Lugo. Así mesmo, procúrase concienciar sobre o papel fundamental que temos como consumidores no apoio a estas producións locais, esenciais para o mantemento da poboación en áreas rurais e a preservación do territorio.

Esta campaña no só amplifica o traballo feito desde o ámbito provincial para achegar aos nenos e mozos á realidade agrícola e gandeira, involucrando a centros escolares e asociacións de pais e nais como aliados chave na difusión de esta mensaxe a favor do consumo de alimentos locais. Nese sentido, máis de 45 centros de todalas comarcas participaron en distintas iniciativas con este horizonte común.

Nas últimas semanas, varios colexios de diferentes localidades coma San Cosme de Barreiros, Parga, Mondoñedo, Becerreá, Baralla, Guntín, Navia de Suarna, Cervantes, Vilalba e do barrio da Ponte en Lugo formaron parte dun programa orientado a promover o consumo de alimentos de proximidade nos comedores escolares. En colaboración coa cooperativa gandeira A Carqueixa, distribuíronse lotes de productos de granxas e obradoiros alimentarios provinciais, que os estudantes puideron degustar nos seus menús dos comedores. Iogur, queixos, mel, marmelo, carnes de razas autóctonas e algúns produtos elaborados, como empanadas, son algúns dos produtos incorporados a ese surtido de alimentos que se fixo chegar aos centros.

Entrega de produtos no colexio de San Cosme de Barreiros
Entrega de produtos no colexio de San Cosme de Barreiros.

Esta iniciativa facilita o contacto directo entre as producións locais e os comedores escolares, abrindo novas vías de comercialización para os produtores e recoñecendo o interese dos centros por incluír alimentos locais nos menús habituais.

O deputado de Xuventude, Daniel García, explicou que "aproveitamos a experiencia e as redes creadas ao longo destes anos para facilitar o contacto entre pequenas producións e centros escolares” e “poñemos en valor o traballo que desenvolven as persoas encargadas dos comedores”.

Nesa liña, o programa ofrece aos centros posibilidade de realizar un estudo individualizado que avalíe os procesos, embalaxes e loxística necesaria para incrementar a presenza de produtos de quilómetro cero nos menús escolares, coa colaboración da cooperativa A Carqueixa, que aporta a súa experiencia na loxística de alimentos frescos na tarefa de adecuar os seus protocolos de traballo ás necesidades dos centros.

Continuando con esta labor de vincular á xuventude co sector primario, atópase o programa "Da Escola á Granxa", que financia visitas de estudantes de primaria e infantil a granxas e obradoiros alimentarios da contorna rural. Nestas viaxes, as nenas e nenos poden coñecer e degustar o froito do traballo de granxeiras e granxeiros ofrecendo unha nova perspectiva sobre a importancia do sector primario na economía e a produción de alimentos de calidade.

Pratos
preparados cos produtors
Pratos preparados cos produtores.

Na aposta por promover o consumo de alimentos de proximidade, encádrase tamén a colaboración da área provincial con iniciativas que proporcionan ás producións agrogandeiras ferramentas útiles para a comercialización directa dos seus produtos, incidindo na súa calidade diferenciada. A área de Medio Rural deu soporte económico e técnico a á plataforma de venda en liña Son de Lugo, a primeira en reunir firmas das distintas comarcas que apostaron por distribuír de forma directa e conxunta os seus produtos. Tamén colaborou co proxecto Eo Alimenta, unha iniciativa que reúne persoas produtoras e consumidoras, grupos de desenvolvemento rural, sindicatos agrarios e concellos da Mariña e do Occidente Asturiano co obxectivo de impulsar modelos de produción, distribución e consumo sostibles e de proximidade.

Comentarios