A Xunta convida a participar na Andaina do 25N contra a violencia de xénero

Fotografía dunha edición pasada da Andaina contra a violencia de xénero con autoría de Xaime Cortizo.

Poderase facer de xeito virtual dende os concellos da Mariña compartindo nas redes sociais as fotografías ou vídeos camiñando polos concellos, acompañadas do cancelo #camiñoaorespecto ata o 3 de decembro.

Galicia reafirma un ano máis o seu “non” rotundo á violencia de xénero, demostrando o seu rexeitamento público e o seu compromiso cara a unha cultura do respecto á igualdade. Así, o próximo 26 de novembro terá lugar a undécima edición da Andaina contra a violencia de xénero que organiza a Xunta con motivo do 25-N, Día internacional contra a violencia de xénero. A andaina sairá o 26 de novembro ás 11 horas do Monte do Gozo cara á praza do Obradoiro, para chegar ata a Catedral de Santiago de Compostela. A Xunta convida á cidadanía a sumarse a esta andaina de xeito presencial ou a facelo de modo virtual, compartindo as súas fotografías ou vídeos camiñando polos seus concellos nas redes sociais, acompañadas do cancelo #camiñoaorespecto, ata o 3 de decembro.

Animan a todas as persoas que queiran participar a inscribirse na web andaina.caminoaorespecto.gal, para despois recibir no correo electrónico o correspondente dorsal personalizado, para poder levar á andaina. Ademais de nas redes, as imaxes das andainas poden remitirse, xunto cos quilómetros percorridos, ao enderezo electrónico contacto@caminoaorespecto.gal ou vía whastapp ao teléfono 669 962 249.

COMPROMISO

A Xunta apoia ás vítimas da violencia de xénero con medidas de protección para que poidan dispoñer de asistencia xurídica, acompañamento psicolóxico e social, acollemento e apoios económicos para garantir a súa independencia.

Así, en 2022, concedéronse cerca de 900 apoios de tipo económico. A maioría (571) foron pagos regulares de ata 800 euros ao mes durante 12 meses. Nesa liña, cabe apuntar que Galicia é referente por propor axuda económica mensual continua durante todo o ano. Tamén hai pagos únicos, destinados a mulleres con maiores dificultades de inserción laboral. E apoios aos fillos orfos ou mulleres que sufriron lesións graves como resultado da violencia de xénero.

O pasado ano, os recursos de acollida en Galicia brindaron apoio a 351 persoas, incluídos 130 menores a través de vivendas tuteladas, centros de acollida e un centro de emerxencia. O Goberno autonómico fai un chamamento a incrementar os recursos humanos e materiais para asegurar que ningunha muller quede desprotexida e destaca a importancia da colaboración entre as diferentes administracións como chave para alcanzar o obxectivo de cero vítimas. Galicia é pioneira na loita contra a violencia de xénero ao adiantarse na aprobación de normativas para protexer ás vítimas, atendendo a máis de 78.000 mulleres en situación de vulnerabilidade dende o ano 2009.

IGUALDADE

Na actualidade, estase tramitando no Parlamento de Galicia unha nova Lei de igualdade que posicionará á Comunidade na vangarda na loita contra calquera forma de discriminación, que contemplará o recoñecemento da discriminación múltiple e interseccional, así como a promoción de espazos seguros e libres de acoso sexual en cidades e eventos multitudinarios. A lei foi desenvolta de xeito participativo, con consultas previas e a participación de 52 entidades representativas.

SENSIBILIZACIÓN

A Xunta de Galicia renova ano a ano distintos convenios para sensibilizar sobre a violencia de xénero. Entre eles, os asinados coas federacións de asociacións de mulleres rurais para o desenvolvemento de accións de sensibilización fronte á violencia de xénero e de apoio ás súas vítimas. En concreto, están implicadas a Federación provincial de mulleres rurais de Ourense (Femuro), a Federación de asociacións de mulleres rurais de Galicia (Fademur), a Federación pola Igualdade das mulleres da provincia de Pontevedra (Femupo) e a Federación de mulleres do rural da provincia de Lugo (Afammer Lugo).

Tamen destaca o Proxecto Fénix, que traballa con menores con medidas xudiciais por violencia de xénero, buscando a súa reeducación e prevención de condutas violentas futuras. Enfócase na sensibilización dos máis novos en igualdade de xénero e contra a violencia machista, especialmente das rapazas máis novas. A iniciativa, coordinada pola asociación ALAR, enmárcase desde 2019 no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Neste caso, a Xunta de Galicia trata de previr comportamentos violentos entre a mocidade co obxectivo de eliminar condutas nocivas cara a parellas ou ex-parellas e diminuír as posibilidades de reincidencia. Neste sentido, o programa educativo traballa na sensibilización destes mozos en materia de igualdade de xénero e contra a violencia machista, especialmente exercida sobre as rapazas máis novas.

O proxecto Fénix incorpora mozos derivados a través da Fiscalía de menores, establecendo unha rede de traballo en todo o territorio galego para dar resposta directa e inmediata ás demandas de fiscais e xuíces, preferentemente nos casos de menores con cargos penais por violencia de xénero. Tamén está aberto á intervención en centros de menores e centros de intervención educativa en medio aberto (Ciema) que traballan na atención integral cos menores infractores, especialmente adolescentes en situación de conflito social.