Poderase facer de xeito virtual dende os concellos da Mariña compartindo nas redes sociais as fotografías ou vídeos camiñando polos concellos, acompañadas do cancelo #camiñoaorespecto ata o 3 de decembro.
Galicia reafirma un ano máis o seu “non” rotundo á violencia de xénero, demostrando o seu rexeitamento público e o seu compromiso cara a unha cultura do respecto á igualdade. Así, o próximo 26 de novembro terá lugar a undécima edición da Andaina contra a violencia de xénero que organiza a Xunta con motivo do 25-N, Día internacional contra a violencia de xénero. A andaina sairá o 26 de novembro ás 11 horas do Monte do Gozo cara á praza do Obradoiro, para chegar ata a Catedral de Santiago de Compostela. A Xunta convida á cidadanía a sumarse a esta andaina de xeito presencial ou a facelo de modo virtual, compartindo as súas fotografías ou vídeos camiñando polos seus concellos nas redes sociais, acompañadas do cancelo #camiñoaorespecto, ata o 3 de decembro.
Animan a todas as persoas que queiran participar a inscribirse na web andaina.caminoaorespecto.gal, para despois recibir no correo electrónico o correspondente dorsal personalizado, para poder levar á andaina. Ademais de nas redes, as imaxes das andainas poden remitirse, xunto cos quilómetros percorridos, ao enderezo electrónico [email protected] ou vía whastapp ao teléfono 669 962 249.
COMPROMISO
A Xunta apoia ás vítimas da violencia de xénero con medidas de protección para que poidan dispoñer de asistencia xurídica, acompañamento psicolóxico e social, acollemento e apoios económicos para garantir a súa independencia.
Así, en 2022, concedéronse cerca de 900 apoios de tipo económico. A maioría (571) foron pagos regulares de ata 800 euros ao mes durante 12 meses. Nesa liña, cabe apuntar que Galicia é referente por propor axuda económica mensual continua durante todo o ano. Tamén hai pagos únicos, destinados a mulleres con maiores dificultades de inserción laboral. E apoios aos fillos orfos ou mulleres que sufriron lesións graves como resultado da violencia de xénero.
O pasado ano, os recursos de acollida en Galicia brindaron apoio a 351 persoas, incluídos 130 menores a través de vivendas tuteladas, centros de acollida e un centro de emerxencia. O Goberno autonómico fai un chamamento a incrementar os recursos humanos e materiais para asegurar que ningunha muller quede desprotexida e destaca a importancia da colaboración entre as diferentes administracións como chave para alcanzar o obxectivo de cero vítimas. Galicia é pioneira na loita contra a violencia de xénero ao adiantarse na aprobación de normativas para protexer ás vítimas, atendendo a máis de 78.000 mulleres en situación de vulnerabilidade dende o ano 2009.
IGUALDADE
Na actualidade, estase tramitando no Parlamento de Galicia unha nova Lei de igualdade que posicionará á Comunidade na vangarda na loita contra calquera forma de discriminación, que contemplará o recoñecemento da discriminación múltiple e interseccional, así como a promoción de espazos seguros e libres de acoso sexual en cidades e eventos multitudinarios. A lei foi desenvolta de xeito participativo, con consultas previas e a participación de 52 entidades representativas.
SENSIBILIZACIÓN
A Xunta de Galicia renova ano a ano distintos convenios para sensibilizar sobre a violencia de xénero. Entre eles, os asinados coas federacións de asociacións de mulleres rurais para o desenvolvemento de accións de sensibilización fronte á violencia de xénero e de apoio ás súas vítimas. En concreto, están implicadas a Federación provincial de mulleres rurais de Ourense (Femuro), a Federación de asociacións de mulleres rurais de Galicia (Fademur), a Federación pola Igualdade das mulleres da provincia de Pontevedra (Femupo) e a Federación de mulleres do rural da provincia de Lugo (Afammer Lugo).
Tamen destaca o Proxecto Fénix, que traballa con menores con medidas xudiciais por violencia de xénero, buscando a súa reeducación e prevención de condutas violentas futuras. Enfócase na sensibilización dos máis novos en igualdade de xénero e contra a violencia machista, especialmente das rapazas máis novas. A iniciativa, coordinada pola asociación ALAR, enmárcase desde 2019 no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Neste caso, a Xunta de Galicia trata de previr comportamentos violentos entre a mocidade co obxectivo de eliminar condutas nocivas cara a parellas ou ex-parellas e diminuír as posibilidades de reincidencia. Neste sentido, o programa educativo traballa na sensibilización destes mozos en materia de igualdade de xénero e contra a violencia machista, especialmente exercida sobre as rapazas máis novas.
O proxecto Fénix incorpora mozos derivados a través da Fiscalía de menores, establecendo unha rede de traballo en todo o territorio galego para dar resposta directa e inmediata ás demandas de fiscais e xuíces, preferentemente nos casos de menores con cargos penais por violencia de xénero. Tamén está aberto á intervención en centros de menores e centros de intervención educativa en medio aberto (Ciema) que traballan na atención integral cos menores infractores, especialmente adolescentes en situación de conflito social.