O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, visitou unha das infraestruturas que recibe financiamento dentro desta liña, o campo de fútbol da Marosa, en Burela. A Administración autonómica achegará ao Concello 40.165 euros para a renovación do peche perimetral, do total de 50.200 euros de orzamento.
Arias explicou que esta orde financia o 80% das actuacións, ata o límite de 50.000 euros no caso de obras e de 10.000 euros para adquirir equipamento. A porcentaxe restante será achegada polas entidades locais.
Ante o interese que espertou esta orde, que saíu por primeira vez este ano, a Xunta decidiu publicar outra convocatoria de 2 millóns de euros para poder cubrir as peticións que quedaron fóra por esgotamento de crédito —todas elas na liña I de instalacións deportivas—, e outras solicitudes novas. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 11 de setembro. A Administración incorporará e tramitará de oficio as propostas que foran desestimadas por falta de orzamento.
En canto aos concellos beneficiarios na primeira convocatoria, hai once máis na Mariña: A Pontenova, Barreiros, Cervo, Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro, Ourol, Ribadeo, Trabada, Viveiro e Xove.