O parque de bombeiros de Barreiros pecha por segunda vez en catro días
Na tarde do pasado venres, o parque pechaba as súas portas por primeira vez nos seus 12 anos de historia ao teren que desprazarse os seus efectivos a Castro de Rei, onde se declarou un incendio que afectou a unha explotación avícola e ao monte próximo.
Na mañá de hoxe, arredor das 11 h, o parque volvía pechar ante a falta de efectivos. Un dos bombeiros tivo que acudir ao hospital ao sufrir unha indisposición quedando só dous profesionais en activo, cando a dotación mínima é de tres. Ante esta escenario, Lucas Ares, representante sindical advirte sobre esta grave situación: «agora mesmo hai ao redor de 120.000 persoas, contando a poboación flotante, desprotexidas». Na Mariña, tal e como aconteceu o pasado venres, habería un total de 3 efectivos, en Viveiro, que terían que cubrir toda a comarca: «por exemplo, Ribadeo, queda sen ningún tipo de cobertura xa que a atención máis próxima está a máis dunha hora. Ademais, estamos a falar de vehículos vellos, con moi pouca potencia e moito pso, polo que tanto desde Viveiro como desde Vilalba estariamos a falar de mínimo unha hora de intervención».
«Estamos solicitando tanto á xerente do Consorcio como á sarxento que leva o parque que lles dean unha resposta que nunca chega. Están intentando que a responsabilidade caia en dous bombeiros», engade Ares. «Esixímoslles aos alcaldes que estean atentos ante esta situación, non se lle pode vender á xente turismo para poñelos en perigo», conclúe Ares.