A Mariña queda case sen bombeiros nun dos días máis calorosos do verán e con fortes ventos
A primeira hora de tarde declarábase un incendio que xa afecta a máis de catro hectáreas nas parroquias de Santa Locaia e Goberno, no municipio de Castro de Rei. O lume puido ter a súa orixe nunha nave con madeira pertencente a unha explotación avícola. Coa forza do vento que hoxe sopraba, saltaría á estrada e afectaría tamén ao monte próximo.
Os poucos efectivos do parque de Barreiros —pois continúa a folga dos bombeiros comarcais en Galicia—, que acababan de sufocar un conato de incendio en San Pedro de Benquerencia, desprazáronse tamén a Castro de Rei como apoio. Así pois, 11 concellos da Mariña quedan desprotexidos. Nestes momentos, segundo fontes consultadas por este diario, só habería tres profesionais —en Viveiro— en toda a comarca.