Restablecido o tráfico na A8, cortada por causa do incendio que xa afectou a 1.200 hectáreas
Reabre ao tráfico a A8, cortada por mor do incendio que afectou xa a 1.200 hectáreas
O lume mantivo en vilo á veciñanza de varios núcleos de poboación dos concellos de Trabada e Ribadeo pola proximadade das lapas ás vivendas. Segundo informan desde a consellaría de Medio Rural, con novos datos, actualizados ás 16:04 h desta tarde, a superficie afectada polo lume é xa de 1.200 hectáreas. Desde a conta de Twitter da consellaría, indican que non se pode «facer unha medición exacta da superficie». «Trátase dun lume complexo e aberto», subliñan.
Por outra banda, a autoestrada A8, cortada ás 04:00 desta madrugada, volve estar aberta ao tráfico desde esta tarde tras permanecer pechada unhas doce horas, a pesar de que aínda hai fume que dificulta a visibilidade por momentos.
Dani Vega, alcalde de Ribadeo: «A situación é dramática»
O alcalde, Dani Vega, pide tranquilidade á poboación, tras a chegada do lume que onte pola tarde se iniciaba no veciño concello de Trabada. Neste momento hai varias parroquias afectadas.
O rexedor dixo que «a situación é dramática e complexa, pero o que pedimos é tranquilidade a toda a poboación. Desde o Concello de Ribadeo estamos a poñer todos os medios necesarios e tamén desde a Xunta de Galicia».
Vega manifestou que «nestes momentos hai dificultades en Noceda, en Vilaframil, en Cubelas, en Piñeira e tamén en Piñeiro (Cedofeita). En varios puntos temos unha situación crítica, pero controlada. E imos seguir nesa liña de colaboración coa Xunta de Galicia e coas distintas administracións».
O alcalde declarou: «desde o Concello pedimos tranquilidade, estamos a carón das persoas. Desde o primeiro momento poñemos a disposición o polideportivo municipal daquelas veciñas e veciños que tiñan risco nas súas casas. Estamos desde a unha da madrugada con ese pavillón listo e hoxe tamén con camas para persoas con problemas de mobilidade. Todo ben coordinado e imos seguir traballando».
Dani Vega insistiu en pedir prudencia á veciñanza: «pedimos prudencia, pedimos que se atenda ás explicacións das autoridades e así entre todos poder solucionar este problema que é moi grave».
«É un horror e algo inédito en Trabada», palabras da alcadesa, Mayra García, sobre o incendio
Segundo declaracións realizadas esta mañá pola alcaldesa de Trabada, Mayra García, «o vento foi o principal problema do incendio desde que se iniciou onte ás 15 h. De feito, pola noite houbo moitísimo vento e iso fixo que o lume se propagara quilómetros e quilómetros e que sexan xa máis de 500 hectáreas as que se queimaron neste incendio».
Aínda que comezou a chover levemente, os fortes ventos continúan: «Estamos agardando tamén a que veñan os hidroavións porque pola noite tiveron que deixar de traballar, contamos con brigadas, con motobombistas, tamén co persoal do Concello, pero a climatoloxía fixo imposible poder parar este incendio que é un horror. Algo inédito en Trabada, eu sempre digo que o monte aquí é un banco sen intereses para a veciñanza e cada hectárea que arde é moito diñeiro —poderiamos falar duns 12.000 euros para cada veciño—. Afortunadamente non houbo danos persoais nin danos de vivendas, pero como o monte é produtivo, a perda económica que van sufrir moitos veciños e veciñas que son propietarios de monte é tremenda».
«Houbo vivenda ameazadas, mais cos medios que tiñamos foronse protexendo e neste momento hai veciños evacuados —porque eles así o demandaron, non porque houbera risco, senón por estaren máis cómodos— do núcleo de Pena Cova, e foron para unha escola rehabilitada en Trabadela», engadiu Mayra García.
«Previsiblemente foi intencionado, por como se deu e por como se propagou, pero evidentemente dábanse as condicións perfectas cun día de moito vento e moita seca. Agardamos as investigacións que se fagan para poder informar con certeza», concluíu.
Corte da autoestrada A8
O incendio, que permanece activo desde a tarde de onte, mantivo en vilo durante toda a noite á veciñanza de varios núcleos de poboación dos concellos de Trabada e Ribadeo pola proximadade das lapas ás vivendas. Segundo informan desde a consellaría de Medio Rural, con datos actualizados ás 9:18 h desta mañá do venres, a superficie afectada polo lume é xa de 450 hectáreas.
A consellaría informou esta mañá que o incendio se encontra en nivel 2 e que obrigou a cortar a autoestrada A8 entre os quilómetros 508 e 524. O fume dificulta nestes momentos a visibilidade e a circulación pola estrada N-634 —a vía alternativa que está a rexistrar un gran volume de tráfico— ao seu paso polos municipios ribadenses de Vilaframil e A Devesa.
Desaloxados varios núcleos do concello de Ribadeo
Foi unha noite difícil para moitos veciños e veciñas dos concellos mariñáns de Trabada e Ribadeo, que viron como as lapas do grande incendio declarado onte en Trabada se achegaban ás súas casas. As altísimas temperaturas, impropias desta época do ano e o forte vento do día de hoxe, obrigaron a desaloxar varios núcleos de poboación nos dous municipios.
Aínda que a esta hora, ningunha vivenda se viu afectada polo lume, a preocupación segue a estar presente. No concello de Ribadeo, varias casas dos núcleos de Piñeiro, Cedofeita, A Ponte, Vilaframil, A Devesa e Folgosa tiveron que ser desaloxadas. O pavillón de deportes de Ribadeo foi habilitado e posto a disposición da veciñanza afectada polo incendio.