Restablecido o tráfico na A8, cortada por causa do incendio que xa afectou a 1.200 hectáreas

photo_camera Imaxe da A8 ao seu paso polo concello de Ribadeo
O incendio declarado no día de onte en Trabada obrigou a cortar a A8 entre os quilómetros 508 e 524 desde as 04:00 da madrugada. Porén, a autoestrada do Cantábrico reabriu de novo ao tráfico esta tarde.

Reabre ao tráfico a A8, cortada por mor do incendio que afectou xa a 1.200 hectáreas

O lume mantivo en vilo á veciñanza de varios núcleos de poboación dos concellos de Trabada e Ribadeo pola proximadade das lapas ás vivendas. Segundo informan desde a consellaría de Medio Rural, con novos datos, actualizados ás 16:04 h desta tarde, a superficie afectada polo lume é xa de 1.200 hectáreas. Desde a conta de Twitter da consellaría, indican que non se pode «facer unha medición exacta da superficie». «Trátase dun lume complexo e aberto», subliñan. 

 

Por outra banda, a autoestrada A8, cortada ás 04:00 desta madrugada, volve estar aberta ao tráfico desde esta tarde tras permanecer pechada unhas doce horas, a pesar de que aínda hai fume que dificulta a visibilidade por momentos. 

 

Dani Vega, alcalde de Ribadeo: «A situación é dramática»

O alcalde, Dani Vega, pide tranquilidade á poboación, tras a chegada do lume que onte pola tarde se iniciaba no veciño concello de Trabada. Neste momento hai varias parroquias afectadas


O rexedor dixo que «a situación é dramática e complexa, pero o que pedimos é tranquilidade a toda a poboación. Desde o Concello de Ribadeo estamos a poñer todos os medios necesarios e tamén desde a Xunta de Galicia».


Vega manifestou que «nestes momentos hai dificultades en Noceda, en Vilaframil, en Cubelas, en Piñeira e tamén en Piñeiro (Cedofeita). En varios puntos temos unha situación crítica, pero controlada. E imos seguir nesa liña de colaboración coa Xunta de Galicia e coas distintas administracións». 


O alcalde declarou: «desde o Concello pedimos tranquilidade, estamos a carón das persoas. Desde o primeiro momento poñemos a disposición o polideportivo municipal daquelas veciñas e veciños que tiñan risco nas súas casas. Estamos desde a unha da madrugada con ese pavillón listo e hoxe tamén con camas para persoas con problemas de mobilidade. Todo ben coordinado e imos seguir traballando».


Dani Vega insistiu en pedir prudencia á veciñanza: «pedimos prudencia, pedimos que se atenda ás explicacións das autoridades e así entre todos poder solucionar este problema que é moi grave».

Incendio no concello de Ribadeo
Incendio no concello de Ribadeo

 

«É un horror e algo inédito en Trabada», palabras da alcadesa, Mayra García, sobre o incendio

Segundo declaracións realizadas esta mañá pola alcaldesa de Trabada, Mayra García, «o vento foi o principal problema do incendio desde que se iniciou onte ás 15 h. De feito, pola noite houbo moitísimo vento e iso fixo que o lume se propagara quilómetros e quilómetros e que sexan xa máis de 500 hectáreas as que se queimaron neste incendio». 

Aínda que comezou a chover levemente, os fortes ventos continúan: «Estamos agardando tamén a que veñan os hidroavións porque pola noite tiveron que deixar de traballar, contamos con brigadas, con motobombistas, tamén co persoal do Concello, pero a climatoloxía fixo imposible poder parar este incendio que é un horror. Algo inédito en Trabada, eu sempre digo que o monte aquí é un banco sen intereses para a veciñanza e cada hectárea que arde é moito diñeiro —poderiamos falar duns 12.000 euros para cada veciño—. Afortunadamente non houbo danos persoais nin danos de vivendas, pero como o monte é produtivo, a perda económica que van sufrir moitos veciños e veciñas que son propietarios de monte é tremenda». 

«Houbo vivenda ameazadas, mais cos medios que tiñamos foronse protexendo e neste momento hai veciños evacuados —porque eles así o demandaron, non porque houbera risco, senón por estaren máis cómodos— do núcleo de Pena Cova, e foron para unha escola rehabilitada en Trabadela», engadiu Mayra García. 

«Previsiblemente foi intencionado, por como se deu e por como se propagou, pero evidentemente dábanse as condicións perfectas cun día de moito vento e moita seca. Agardamos as investigacións que se fagan para poder informar con certeza», concluíu. 

Imaxe do incendio no concello de Trabada
Imaxe do incendio no concello de Trabada

 

Corte da autoestrada A8

O incendio, que permanece activo desde a tarde de onte, mantivo en vilo durante toda a noite á veciñanza de varios núcleos de poboación dos concellos de Trabada e Ribadeo pola proximadade das lapas ás vivendas. Segundo informan desde a consellaría de Medio Rural, con datos actualizados ás 9:18 h desta mañá do venres, a superficie afectada polo lume é xa de 450 hectáreas

A consellaría informou esta mañá que o incendio se encontra en nivel 2 e que obrigou a cortar a autoestrada A8 entre os quilómetros 508 e 524. O fume dificulta nestes momentos a visibilidade e a circulación pola estrada N-634 —a vía alternativa que está a rexistrar un gran volume de tráfico— ao seu paso polos municipios ribadenses de Vilaframil e A Devesa

O fume dificulta a visibilidade na N-634 en Vilaframil
O fume dificulta a visibilidade na N-634 en Vilaframil

 

Desaloxados varios núcleos do concello de Ribadeo 

Foi unha noite difícil para moitos veciños e veciñas dos concellos mariñáns de Trabada e Ribadeo, que viron como as lapas do grande incendio declarado onte en Trabada se achegaban ás súas casas. As altísimas temperaturas, impropias desta época do ano e o forte vento do día de hoxe, obrigaron a desaloxar varios núcleos de poboación nos dous municipios. 

Aínda que a esta hora, ningunha vivenda se viu afectada polo lume, a preocupación segue a estar presente. No concello de Ribadeo, varias casas dos núcleos de Piñeiro, Cedofeita, A Ponte, Vilaframil, A Devesa e Folgosa tiveron que ser desaloxadas. O pavillón de deportes de Ribadeo foi habilitado e posto a disposición da veciñanza afectada polo incendio

O pavillón de deportes de Ribadeo foi posto a disposición da veciñanza
O pavillón de deportes de Ribadeo foi posto a disposición da veciñanza

 

Comentarios