O PP de Burela denuncia o estado da zona de xogos do parque Rosalía de Castro
Os populares pídenlle ao goberno local «que xestione debidamente o mantemento das instalacións municipais ante a falta de tacto, eficiencia e eficacia por parte do goberno bipartito que os veciños e veciñas estamos a apreciar». «Xa había semanas, e incluso meses, que algúns pais denunciaran o mal estado dunha das instalacións da zona de xogos do parque pola inseguridade que supuña para os pequenos; pero non foi ata agora, en plena campaña estival, cando se tomaron medidas», indican desde o grupo popular burelés.
No día de onte, efectivos da Policía Local valaron unha nova zona de xogos por mor da súa inseguridade, mais para o PP de Burela «esta é unha medida de emerxencia que se podería ter evitado de actuar con previsión». «Os pais e nais non paran de queixarse da falta de control que está a ter a nova alcaldía ante incidencias que se producen no parque Rosalía de Castro», conclúen os populares, que lle rogan ao goberno bipartito «que se poña a traballar a prol dos veciños de Burela e que se deixe de facer fotos e posados».