Dani Vega desexa un próspero 2024 aos veciños, lembrando que Ribadeo é a capital astur-galaica
O alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, felicita as festas e deséxalles un próspero ano 2024 aos veciños e veciñas da vila nun vídeo realizado no Salón de Plenos do Concello. Neste vídeo, fai balance dun ano 2023 cargado de ilusión, proxectos e cambios, ano no que chegou á alcaldía.
A peor parte do ano que remata, segundo o rexedor, foi a baga de lumes que afectou a Ribadeo o pasado mes de outubro, e na que os veciños actuaron dunha forma exemplar coa súa entrega, servizo e solidariedade.
O vindeiro ano 2024, que está a piques de comezar, preséntase da man do orzamento máis alto da historia de Ribadeo, 12.3 millóns de euros que o seu goberno ten a responsabilidade de xestionar e invertir xunto coa colaboración das institucións.
“Como goberno sabemos que debemos traballar a reo, centrarnos nos retos nos que debemos avanzar como pobo. Un orzamento máis social: reforma do hospital asilo e a contrucción do novo centro de saúde e seguir mellorando e perfeccionando o servizo de axuda no fogar. Un Ribadeo máis rural apostando por un novo plan de infraestuturas estratéxico e pactado cos veciños. Un Ribadeo máis sustentable e verde, aplicando novas medidas: mellorar os parques e facer a reforma integral do Campo de San Francisco e o Xardín de Indianos. E mellorar as nosas infraestruras, é decir mellorar as rúas de Ribadeo e entre todos ter un Ribadeo máis limpo. Queremos un Ribadeo con máis servizos por iso xa estamos traballando en novos aparcadoiros. Un Ribadeo que estea aberto ao mundo e por iso estamos creando un plan estratéxico de turismo. Abrindo as portas e sabendo e tendo claro, que somos a capital astur-galaica. Tamén queremos avanzar, e que Ribadeo se convirta nun referente cultural, nunha verdadeira capital cultural. Por iso o 2024 será un gran ano” manifesta Daniel Vega.
O alcalde fai énfasis en que lograr o Ribadeo “que queremos” é unha labor colaborativa, “entre todos seguiremos mellorando Ribadeo”, e desexa un próspero 2024 para todos e todas.