«A atención primaria de Ribadeo non mellora», artigo de opinión de Pablo Vizoso

Nin os Reis Magos de Oriente foron quen de nos traer un pediatra para as nosas crianzas. Comezamos o novo ano sen pediatra, sen unha praza de medicina xeral e sen comadroa

Por moito que Daniel Vega prometa e volva prometer que el non cala ante a Xunta de Galicia cando se trata de defender Ribadeo, o paso do tempo confirma que desde San Caetano non lle fan caso ningún e seguen sen cubrir esas baixas ou prazas vacantes.

Que fácil lle é presumir ao goberno da Xunta, e aos seus alcaldes e alcaldesas afíns, do bo servizo que, din eles, proporciona a Xunta en materia de sanidade! Éncheselles a boca falando de programas como «O neno san» e outras cousas semellantes, pero as nosas nenas e nenos, e os adultos en xeral, ben podemos coidar da nosa saúde, que se agardamos polo persoal sanitario que precisamos, imos aviados!

Pouco a pouco vaise confirmando o plan oculto do PP de ir reducindo a sanidade pública á súa mínima expresión dando negocio á sanidade privada, que cada vez recibe máis doentes do Sergas porque, ao reducir o persoal, as listas de agarda aumentan sen parar. Non se cobren baixas, non se cobren xubilacións, auméntase o número de doentes a atender por parte de cada sanitario. E así lógrase facer crer que a solución está na sanidade privada.

Desde o BNG de Ribadeo seguiremos a insistir na necesidade de cubrir esas prazas vacantes ou baixas. Tanto desde Ribadeo como a través de Daniel Castro, no Parlamento de Galicia, volveremos demandar que se dote xa do persoal sanitario necesario o noso centro de saúde.