Opinión

Carta aberta aos veciños e veciñas de Burela

Grazas é a palabra que mellor reflicte o sentimento de todo o PP de Burela trala cita electoral do pasado domingo 18 de febreiro. É por iso polo que non podía deixar pasar a oportunidade de trasladarvos o noso agradecemento por ter confiado maioritariamente no Partido Popular nas eleccións autonómicas. O voso apoio permitirá que Galicia conte cun goberno estable presidido por Alfonso
Rueda, un goberno que xestiona con sentidiño, atendendo aos intereses dos galegos e, sobre todo, comprometido con Burela.


O PP foi a forza máis votada no noso municipio ao alcanzar 2.153 apoios que se traducen nun 48,93% dos votantes. O Partido Popular protagoniza, ademais, o maior aumento con respecto ás autonómicas do 2020 (sube un 4,44%). E tamén resulta significativo que foran máis os bureleses e burelesas que elixiran a papeleta do PP que as do PSOE e BNG (os partidos que están a gobernar no noso Concello) xuntos.


Con estes resultados, o Partido Popular de Burela consolídase como a única formación política en Burela que mellorou sistematicamente os seus resultados no último ciclo electoral (dende as municipais do 2019). De feito, nas municipais e xerais do pasado 2023, o apoio ao PP incrementouse arredor de 13 puntos (un 12,96% nas municipais con respecto ás do 2019 e 13,83% nas xerais con respecto ás anteriores).


Pero isto non sería posible sen a confianza dos veciños. Sen o apoio constante de afiliados e simpatizantes. Sen o esforzo de interventores e apoderados nas distintas citas electorais. E sen o traballo diario que desenvolven os concelleiros do Grupo Municipal Popular co obxectivo de ser útiles para Burela e os bureleses.


Os últimos resultados electorais non fan máis que animarnos a traballar para devolver toda a confianza que os veciños e veciñas depositades en nós.

*Manuel Rouco, presidente do PP de Burela e voceiro do Grupo Municipal Popular

Comentarios