Opinión

Que bonita é a lingua da miña vida!

Escoito a voz
que me silencia:
comezo a expresar
o necesario


Estes versos de Luisa Villalta expresan moito en moi poucas palabras. A música, o teatro, a poesía... culturalmente é unha autora que abarca moitos ámbitos. Representa as inquedanzas dunha Galicia que é un referente cultural, sobre todo, se lle deixan berrar aos catro ventos a súa liberdade para ser o que quere ser.


“Sempre o teatro á procura da verdade”, ese teatro que nos fai felices, cando nos mergullamos na representación dun texto que nos envolve, que nos eleva, que nos fai entrar noutras realidades, noutros lugares, noutras vidas...


“Silencio me chaman neste tempo no que vivo porque non se me escoita”. A lingua, coa que nos expresamos no noso día a día, que importante é. Ese significado de pertenza, esa forma diferente de expresarnos (esa forma de dicir as cousas como nos reina, como diriamos en Foz). Ter formas propias de expresar felicidade (ledicia), ese sentimento de botar en falta (morriña), tristura (mágoa), tantas e tantas palabras que nos enriquecen e que aniñan en nos coma pequenas andoriñas.


Os primeiros versos deste artigo falan de silenciar. Non queremos que ninguén silencie a nosa voz, queremos poder expresarnos no idioma no que nacemos, no que nos criamos, pero tamén queremos que quen fora criado noutra lingua poida escoller a nosa para expresarse todos os días, porque é unha lingua que agarima, aberta e que acolle a quen queira expresarse nela, quen queira facela tamén a súa lingua.


Este 17 de maio sexamos libres de que a nosa voz entendan os bos e xenerosos, que con arroubo atendan o noso rouco son. FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS! AS NOSAS LETRAS.

Inés López Couto, concelleira de Cultura e segunda tenente de alcalde do Concello de Foz. 

Comentarios