Opinión

A QUEN PRETENDEN ENGANAR?

2025031312141724558
«Con que cara veñen agora esixindo si levamos o que vai de lexislatura arranxando o que o BNG deixou caer, todo o que o BNG deixou abandonado», Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo

É certo que ó BNG de Ribadeo sempre lle gustou ese puntiño de protagonismo, incluso, poderíamos dicir de ego desmedido dos seus dirixentes. Na actualidade, é un partido que cada día que pasa demostra ter menos criterio, un partido perdido, confuso, teatreiro… que o único que aporta a Ribadeo son insultos constantes e descualificacións, e dende logo, máis preocupado por criticar todo que en propoñer e traballar polo noso pobo.

Non se darán conta que con esta actitude de crítica sistemática, o que realmente fan é auto criticarse? ¿Ou é que de repente se puxo todo mal en pouco máis dun ano? Nós agradecemos moito que por fin recoñezan o abandono de anos. Mágoa que non se deran conta durante o seu mandato. Canto teríamos adiantado nestes momentos.

Que terá que dicir o BNG do Parque dos Indianos? Pero se non hai máis que ver as condicións nas que se atopa!! As pérgolas, o pavimento, os bancos ou a fonte que converteron en charca, que ata o rego lle arrancaron.  Cantos anos levan os veciños demandando o arranxo das beirarrúas daquela zona?

A quen pretenden enganar? Con que cara veñen reclamando agora? Xa non enganan a ninguén. Por crer, xa non os cren nin os compañeiros de partido. Con que cara veñen agora esixindo si levamos o que vai de lexislatura arranxando o que o BNG deixou caer, todo o que o BNG deixou abandonado.

Solicitamos dous convenios. Un para o parque de San Miguel, para rematar o seu arranxo e o peche perimetral que boa falta lle facía e tamén para arranxar a rúa Illa Pancha, que está absolutamente estragada (debeu estragarse no último ano), e outro para o Parque Indiano, que á vista está as condicións nas que se atopa (tamén se debeu poñer así no último ano).

De verdade pensarán que enganan a alguén? Cando chegou o convenio e vimos que o Concello tiña que poñer o 20%, non estivemos de acordo e xestionamos para chegar ó 100% e xa o temos. Cal é o problema?

 A que se dedican? Viviron tantos  anos do relato da pena que pensan que poden seguir vivindo… Non se dan conta que esa época xa rematou, dar pena xa non funciona. Os veciños o que esperan de todos nós é traballo e resultados. Si se dedicaran a propoñer e a xestionar investimentos coa mesma teima coa que se dedican a criticar por criticar, a poñer paus nas rodas e a mediar para evitar inversión, canto mellor lles iría.

En fin, como sempre dicimos, nós ó noso, traballando arreo por e para Ribadeo e tanto ribadenses como visitantes non tardaremos en ver recuperado o tan demandado Parque dos Indianos.

Comentarios