Un ano de traballo e de xestión

Rematamos un ano no que a ilusióno traballo e a gran capacidade de xestión foron os piares fundamentais para achegarnos ó obxectivo que nos trouxo ata aquí, que Ribadeo Avance.

Ilusión, tan importante para contaxiar esas ganas de que todo funcione de maneira organizada. Traballo, porque sen traballo e dedicación non se avanza. Un ano de moitas horas e moita aprendizaxe que se viron reflectidas no día a día de Ribadeo, e como non, capacidade de xestión, porque o Concello non ten capacidade económica para afrontar as necesidades que precisa como cidade de presente e tamén de futuro para os nosos pequeniños de hoxe. E a nós non nos sirve o conformismo nin o «deixar levarse».

Neste ano e sete meses traballamos nun Ribadeo máis social. Hospital Asilo, unha inversión de 1,6 millóns de euros, dos que a Xunta de Galicia aportou 700.000 euros; Centro de Día, 70.000 euros de inversión 100% da Xunta de Galicia; Cestiña dos Arrolos, iniciativa do Concello na que colaboramos coa Asociación Saúde Mental A Mariña e cofinanciada coa Xunta de Galicia; melloramos o edificio da Escola de Música cunha inversión de 80.000 euros tamén financiados pola Xunta de Galicia, eliminando as barreiras arquitectónicas na entrada lateral, instalando un ascensor e cambio de ventás; seguimos investindo na mellora da Escola Infantil, xa o facíamos dende a oposición e seguimos dende o goberno cunha inversión de 25.000 euros; creamos prazas de aparcadoiros rápidos para os clientes das farmacias, un dos primeiros Concellos en facelo; melloramos a accesibilidade da Praza Pancho Maseda, humanizámola e puxemos nova iluminación; renovouse o Parque de San Miguel, no que aínda queda a mellora do peche no primeiro trimestre de ano.

Ribadeo tamén viviu unha gran transformación na limpeza, temos un Ribadeo máis limpo e máis coidado, actuamos nas áreas recreativas e en xardíns, realizouse unha poda onde había anos que non se facía e elimináronse as árbores que, baixo informe técnico, causaban algún tipo de perigo e seguiremos traballando para a procura do Ribadeo limpo e coidado que queremos.

No Plan Avanza Rural, cun investimento de 685.000 euros para a mellora de vías de comunicación do noso interior e tamén da costa, aí temos a estrada da costa ata Rinlo que xa se volvera intransitable ó igual que moitas das estradas da zona do interior. Seguiremos actuando nas que non chegamos este ano; limpeza de cunetas e pistas de terra da concentración parcelaria. Somos o Concello con máis inversión na mellora das estradas, e dentro do programa Fontes Vivas recuperamos a fonte de A Graña e a de Cedofeita, porque as fontes tamén forman parte do noso patrimonio e non merecen desaparecer debaixo das silveiras.

Impulsamos actividades lúdicas deportivas e culturais como fonte de dinamismo e acelerador económico.

Un ano de moito traballo feito e moitos proxectos en marcha para os vindeiros anos. Dende o equipo de goberno desexámoslles un Feliz ano 2025  a todos os ribadenses. Nós agardámolo xuntos, con moita ilusión e ganas de traballar para a procura do Ribadeo que todos queremos.