«O pobo salva o pobo», artigo de opinión de Gonzalo M. Lebredo

Nestes días de dor e sufrimento, en medio desta traxedia humana, ante o sentimento de desamparo por parte dos que lidan con esta catástrofe, xorde un berro practicamente ubicuo: o pobo salva o pobo. Penso que é bo deterse e reflexionar as graves implicacións que leva dicir tales palabras.

Que provoca nas persoas este pensamento? O abandono do Estado, a incompetencia das institucións que teñen que prever e previr para coidar os cidadáns. O pensamento é o seguinte: o Estado quítanos de media 4€ de cada 10€ que gañamos co noso traballo para poder pagar, en teoría, servizos esenciais para a nosa vida. O Estado recorta as nosas liberdades individuais, a nosa capacidade creadora, intelectual e empresarial co fin de poder regular as relacións humanas (o mercado) e así protexernos. Daquela estamos renunciando á nosa liberdade para aforrar, investir ou consumir e desenvolver o noso proxecto vital propio en prol dun ben común. Moi ben, pero iso do ben común... Quen o decide e que é? Sempre se fala de educación, sanidade, pensións e infraestruturas, entre outras cousas. E vemos que o Estado ten as infraestruturas en condicións penosas, as pensións perden en poder adquisitivo real e mantéñense xerando débeda para o futuro, a sanidade non está nos seus mellores días e a educación aínda escoitamos que era mellor hai 50 ou 60 anos ca hoxe, pese a que no ano 1965, por poñer un exemplo, o Estado só nos quitaba un 15% do que gañábamos, menos da metade do que nos quita hoxe.

Mediante o seu poder nos medios de comunicación (non neste medio que xentilmente acolle o meu artigo), o Estado danos pequenas migallas que nos manteñen tranquilos: amañan tal pista, soben un 2% as pensións, sacan esta liña de axudas para non sei que cousa, ou compran non sei que máquina para un hospital. Eses son os anuncios políticos que crean en nós a ilusión de que o Estado está aí connosco para axudarnos neste val de bágoas que é a vida, por aludir a esa imaxe pesimista que todos coñecemos. E iso é o que fan cos 4€ de cada 10€ que gañamos co noso suor, manda truco. Mais todo se torce cando pasa algo grave. Cando vén unha crise económica (moitas veces causadas polas políticas financeiras disparatadas que poñen en práctica os gobernos), o Estado colapsa; cando vén unha pandemia, o Estado ignóraa a pesar dos seus elefantiásicos medios e déixanos tirados; cando vén un desastre natural (un volcán en Canarias, un incendio en Galicia ou o que vemos hoxe en Valencia), o Estado bota culpas dunha administración a outra e vai pasando o marrón para non asumir a súa responsabilidade e o seu error froito da incompetencia. Logo prometen axudas nos titulares da gran prensa afín aos gobernos e preséntanse no medio da traxedia cunha cámara diante e poñendo caras de tristeza, querendo parecer persoas empáticas e dispostas a axudar. E cando actúan é movidos pola vergonza e fano con torpeza e ineficacia a golpe de improvisación, menos mal que teñen gabinetes e comités de expertos e seguen criterios técnicos...

Mentres o Estado extrae case a metade do que gañamos cada ano para pagar educación pública, a xente fai esforzos para ir a colexios privados e concertados; presumen que temos, grazas ao que pagamos, a mellor sanidade pública do mundo, e cada vez que precisamos dun especialista, toca sacar a carteira e pasar pola privada; temos un marabilloso sistema de pensións, din eles, e cada vez máis persoas recorren a sistemas de aforro privados, aínda que o Estado tamén ataque cada ano máis os plans privados de pensións. E así é con todo, a xente xa non pode confiar no Estado porque os servizos creados espontaneamente no mercado mediante a libre interacción humana son obxectivamente mellores.

As persoas cando nos unimos a traballar xuntas por unha boa causa, como estamos vendo hoxe en Valencia, somos mellores, máis rápidas e moralmente mellores que o Estado. É fermoso ver o pobo exercendo de humano até o extremo e oílo berrar que só o pobo salva o pobo, que o Estado por aí nin está nin o esperan, pero que eles van seguir cooperando cos seus irmáns que sofren.