Volvemos a unha campaña electoral. Esta non é cada catro anos, é cada cinco. Chega outra vez a hora de escoller o futuro das institucións públicas. E estas eleccións non che son cousa pequena porque hoxe en Europa é onde máis se decide. Cada vez que hai eleccións os políticos din que esas eleccións son as máis importantes e que é fundamental implicarse e votar. Pois os políticos neste caso teñen razón.
É en Europa onde se deciden as políticas agrícolas e pesqueiras. Si, esas políticas que nos desprotexen fronte ao lobo, que nos impoñen unha PAC que cada vez ten menos xeito e que intentan prohibir a pesca de arrastre. Todo iso decídese en Europa. Tamén se decide alí a política alimentaria (métense ata no que comemos!) e a política enerxética (polo que se paga de luz e de combustible xa vemos que bastante errada).
En Ribadeo e na Mariña sabemos a importancia que ten manter o sector primario, a industria e o comercio en bo estado. Somos potencia e queremos seguir séndoo. Non podemos permitir que o radicalismo climático e os disparates dun grupo de iluminados en Bruxelas causen o peche de Alcoa, Ence ou dinamite os negocios do noso sector primario.
Mirade ben que opcións temos para votar: a exministra Ribera é a candidata do PSOE para estas eleccións, unha muller defenestrada do partido polo todopoderoso Pedro Sánchez que en Galicia coñecemos ben. Si, si, é a mesma señora que pechou as centrais térmicas de Meirama e As Pontes e estivo a punto de pechar Alcoa. Afortunadamente non puido pechala grazas ás presións dos traballadores e as solucións que puxo a Xunta na mesa. Pois agora parece ser que o PSOE non ten nada mellor para mandar a Europa, éche ben triste.
Outra opción: unha lista de coalición entre Bildu, Esquerra Republicana de Cataluña e o BNG. Esta lista ten xente que perteneceu a ETA nas listas e cabecillas do golpe de Estado independentista que houbo en Cataluña. É surrealista, pero están aí. E a candidata do BNG foi artífice dos vetos á pesca de arrastre, da burocratización do agro galego e do desmantelamento da nosa industria nacional.
Os galegos levamos moitos anos escollendo sentidiño e reafirmando en cada elección que queremos ter futuro neste país. Non queremos radicalismos climáticos que nos quiten aos mozos de ter traballo, non queremos vivir pegados a papeleos absurdos para facer calquera cousa, non queremos que nos expolien fiscalmente o froito do noso traballo para que outros inventen que facer cos nosos cartos, non. Os galegos queremos que nos deixen vivir en liberdade e que Europa nos apoie no camiño de ser unha potencia que camiña no século XXI. Europa pode ser unha gran oportunidade para nós se está do lado dos galegos e non dos burócratas que camiñan polos corredores dos edificios de Bruxelas. Temos unha oportunidade para conseguilo.