Foz é un pobo de paz

Dende o seu nacemento no 1898 as “Maison du peuple” (Casa do Pobo) ou centros obreiros creáronse como espazos pedagóxicos contra o analfabetismo e a instrución para o acceso ás universidades populares da época, unha idea fascinante polo transformador.


A Casa do Pobo de Foz non pertence a un partido político pertence a todos os veciños e veciñas que comparten os principios e os valores que proxecta. Un propósito que nace da vida da xente e as súas loitas diarias que son moitas, moi diversas e moitas veces levadas dende o abismo da soidade.


Accións ignominiosas como atentar contra a Casa do Pobo de Foz non é un ataque ao presidente de quenda nin tan sequera a unha condición militante singular, porque o socialismo alberga multitudes, senón que socava a esperanza de moitas persoas de ben que aspiran a ter unha vida un pouco mais digna, cunha mellor cobertura sanitaria, unha mellor educación para os seus, ou unha vila vertebrada e próspera pero sobre todo unha sociedade de convivencia en harmonía.


Non podemos permitirnos como sociedade que o medo e a violencia asalten as conviccións democráticas que tanto custou conquistar aos nosos pobos, como así o recordaba aquel alcalde que un quince de abril do 2006 abriu por primeira vez a porta da actual “Maison du peuple” focense na honra da memoria dos compañeiros que “en épocas difíciles apuraban as horas para desfacerse da documentación que comprometía a tanta xente que loitaba pola liberdade e a vida en paz”.


O deber de recordar, Foz é un pobo de paz.

Carlos García - Vicesecretario Xeral PSdeG PSOE de Foz