A primeira cita da programación está sinalada xa para o venres, día 22, ás 21:00 na Igrexa das Concepcionistas. Alí terá lugar o Concerto de Panxoliñas 2023 coas actuacións da Coral Polifónica Alborada de Viveiro e da Agrupación Coral Endesa das Pontes.
O día 23, ás 18:00 na praza Maior, terá lugar un concerto a cargo de Golpe de Efecto e de Badnkinders, e ás 20:30 no teatro Pastor Díaz será a quenda da Banda Municipal de Música O Landro, con entrada de balde previa retirada na billeteira a partir das 19:30.
Serán varias tamén as propostas do Concello do Viveiro para o día 24 cos Roteiros de Nadal no Vivertren ao longo de todo o día, a ‘Troula de Boa Noite’ que animará a Praza Maior a partir das 18:00, e o reparto de agasallos de Papa Noel dende as 19:00 dende Magazos ata Lodeiro.
Continuarán as citas o día 26 ás 19:00, coas Panxoliñas na Rúa da coral Alborada. O mércores 28 vivirase unha gran xornada coa Gala da Maxia a cargo de catro grandes magos galegos, no Teatro Pastor Díaz dende as 20:30 horas. As entradas para este último evento poden reservarse no 982560162 ou en [email protected]
Tamén acollerá o Pastor Díaz a actuación de Escolma de Meus, as 20:30 do 29 de decembro con entrada de balde ata completar aforo. A Troula de Fin de Ano, por outra banda, será entre 13:30 e 15:30 na Praza Maior, a cargo do grupo Los Alcántara.
Xa comezado xaneiro de 2024, o día 5 haberá novos roteiros de Vivertren e, ás 17:30 terá lugar a gran Cabalgata dos Reis Magos. As súas Maxestades, que estarán acompañados polo pasarrúas da Banda da Misericordia, dirixiranse á veciñanza dende o balcón da Biblioteca Municipal antes da recepción real na Sala Multiusos do Concello.