O Alto do Cruceiro, en Xove, celebra a Festa do Ramo cos callos como protagonistas
A Asociación Cultural e de Festexos Alto do Cruceiro organizará por decimosexto ano consecutivo a Festa do Ramo, que terá lugar os días 6, 7 e 8 de outubro no Alto do Cruceiro, pertencente á parroquia de Xuances (Xove).
O lugar de celebración será no campo da festa "Onofre Louzao", un recinto inaugurado hai cinco anos na honra de Onofre Louzao, máximo promotor destes festexos.
Canto á programación, destaca a celebración da XV Festa dos Callos o venres, día 6, a partir das 20 h. Nesta festa gastronómica, os asistentes poderán gozar dunha ración de callos, pan e viño por 7 euros. Desde a organización, prevén repartir unhas 1.000 racións deste prato. Xa á noite haberá verbena coa orquestra Marbella e a discoteca móbil Conxuro.
O sábado, ás 13 h, haberá misa solemne e procesión. A continuación, sesión vermú a cargo do grupo Galia, que repetirá na verbena xunto coa discoteca móbil Conxuro. A festa pecharase o domingo, día 8 de outubro, cunha sesión vermú prolongada coa música do grupo D'Caché.
A comisión de festas quere darlle as grazas a todas as persoas, institucións, empresas etc. que, de forma desinteresada, colaboran coas nosas festas: Concello de Xove, comercios da zona e un especial agradecemento para os nosos veciños e veciñas.