Porco Celta, un negocio en expansión

Porco celta na explotación de Nando López en Mondoñedo

Nando López (1984) está de regreso na súa explotación da Couboeira (Mondoñedo), pois vén de participar na Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia que se celebrou entre os días 8 e 11 de xuño na localidade pontevedresa de Silleda. Competiu no IV Concurso Nacional de Manexo da raza porco celta onde tivo que dirixir un dos seus exemplares, Breogán, por un determinado percorrido no menor tempo posible, podendo tocalo mais sen golpealo, e pasando por diferentes obstáculos; como unha zona que simula unha manga ou entre dous valos facendo zigzag.

 

Esta feira está a converterse nunha cita ineludible no calendario dos produtores das razas autóctonas de Galicia, como é o caso do porco celta. Ademais do concurso de manexo, Nando participou tamén no V Concurso Morfolóxico —con Breogán e Berenguela— que xuntou a 34 gandarías das catro provincias galegas. E é que foi unha edición de récord, tanto no referente ao volume de animais presentes, como ao número de operadores presentes no Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat). Foi aquí, na sección Alinova onde López expuxo os seus propios produtos. «Fíxosenos pequeno o pavillón 4. A verdade é que chama a atención e é un magnífico escaparate para as razas autóctonas», indica Nando. 

Nando López na súa explotación extensiva na Couboeira

 

Por outra banda, a única raza porcina autóctona de Galicia foi un dos esenciais nos menús degustación do restaurante TapiRazas, elaborados polo cociñeiro Antonio Díaz. O xoves puidose degustar xamón de porco celta con ovos rotos de Galiña de Mos; o venres, croquetas de roxóns deste animal; e o sábado, empanada de zorza tamén de porco celta. 

 

Esta raza celta era a máis importante en Galicia ata os anos 50. Coa chegada da mecanización do campo sufriu un continuo retroceso causado pola importación de razas foráneas e o seu cruzamento con estas para obter unha maior rendibilidade. «Hai que ter en conta que un porco celta está na explotación desde 11 a 14 meses, mentres que o convencional aproximadamente 6», apunta Nando.

 

A historia de Nando coas razas autóctonas vén de lonxe: «nos anos 90 os meus avós tiñan relación cos axentes forestais da Xunta e foi por eles que me interesei pola cachena». No 2016, uns problemas de saúde foron o detonante para lanzarse definitivamente á crianza de razas autóctonas. «En decembro do 2017 trouxen os primeiros 19 porcos desde Viveiro», sinala López, que di que na actualidade ten máis demanda que produción.  

Exemplares de vaca cachena na Couboeira

 

Ademais, valora moi positivamente o proceso de profesionalización levado a cabo por ASOPORCEL (Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta), a cal lles brinda o asesoramento necesario para a modernización das explotacións, o aumento da produtividade, a calidade dos seus produtos e a súa comercialización. Xustamente, e seguindo a liña de innovación marcada pola asociación, Nando está a traballar, coa súa propia marca (Celtagal), con novos produtos que procuran diferenciarse do existente xa no mercado do porco branco: cinta de lombo adobado con herbas de san Xoán, diversos patés —fígado, ao pemento de Padrón, á castaña ou ao viño tinto da Ribeira Sacra—, ou salchichón de cachena con graxa de porco celta.