Pablo Cid, de Touché, unha vida dedicada á fotografía e ao deseño gráfico
O deseñador e fotógrafo barreirense afincado en Foz, Pablo Cid, conta con case 20 anos —cumpriaraos en marzo do ano próximo— de experiencia no sector.
Cid, que estudou na Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo de 1992 a 1996, comezou a traballar en Touché —o seu estudio de Foz— nunha época que na se iniciaba a revolución dixital no seu campo. Do taller ao ordenador e sempre en continua actualización para ofrecer aos seus clientes os mellores resultados. Froito desa continua aprendizaxe para adaptarse á era dixital formouse tamén en informática nunha academia da Coruña.
Aínda que afirma que cando comezou «estaba un pouco verde», decidiu montar o seu negocio en Foz porque «me chifla A Mariña e sempre estivo no meu punto de mira para retratar, debuxar…». Nesta súa vertente máis artística, Cid xa tiña feito algún traballo de aerografía e algunha exposición de fotografía cuns resultados que «non foron para nada malos».
Apaixonado tamén da parte máis técnica do mundo do cine, porén decidiu «tirar de lóxica», aproveitar o nicho de mercado na comarca e «facer o que facía falta aquí: letreiros, cousas de rotulación, de vinilo, cartelería para eventos…».
Canto ás novidades da súa actividade nos últimos anos, a peor parte é que «os equipamentos e as cousas que utilizamos, máquinas, plóteres, ordenadores, cámaras de fotos teñen unha vida útil moi curta». «Sempre sae o seguinte con máis memoria, con máis capacidade, con máis definición… e o que tiñas ti como a túa variña máxica quedou obsoleto», afirma o fotógrafo.
O dron, elemento estrela
Un dos aparellos máis usados por Pablo Cid nestes últimos anos é o dron: «Empecei un pouco a traballar con el para a cartelería e os folletos que me encargaban por aquí os Concellos, que hai moito traballo da miña actividade, para conseguir unhas fotos e uns ángulos diferentes». Cid afirma que foi unha «auténtica odisea» nun momento no que voar estes aparellos non estaba totalmente regulado: «comecei no rural a practicar, pero xa tiñas que ter os teus papeis, o teu seguro, o carné, o número de operador… e a día de hoxe para min é un complemento, un comodín ao meu traballo».