Hernán Navarro, xerente de Pulpería Mario: «preferimos sempre subir o prezo que baixar a cantidade ou perder calidade»

Hernán Navarro comezou a traballar con Cesáreo Eijo, propietario da Pulpería Mario de Viveiro, no ano 2008. Dous anos máis tarde, xa era o encargado. No 2013, coa apertura dun novo local en Xixón —o exitoso Tierras Gallegas— e coa coincidencia no tempo de datas moi sinaladas para o negocio, Eijo deixou de poder compaxinalo todo. Foi nese momento cando Hernán, e maila súa muller, Teresa Louzao, colleron as rendas e convertéronse así nos terceiros propietarios á fronte de Pulpería Mario. Agora Cesáreo está centrado nos seus negocios en Asturias: Tierras Gallegas, con dous locais, un situado ao pé do estadio do Molinón e outro en Parque Principado, preto de Oviedo; e o Asador Cervecería Lúpulo, tamén en Xixón. Lonxe queda xa o tempo en que Mario, a persoa coa que todo comezou e que lle dá nome ao grupo, instalou o seu primeiro botiquín.

 

Así pois, a nova xerencia encárganse de percorrer as feiras e festas máis importantes de Galicia, Asturias e León; ofrecen un catering personalizado para vodas, bautizos e comuñóns, así como festas veciñais ou ceas de empresa; dispoñen dun servizo de alugueiro de carpas; dirixen o local que abriron no monte San Roque, en Viveiro; e desde hai dous anos tamén se encargan do botiquín situado na praia de Altar, en Barreiros. 

 

Desde que Hernán Navarro comezou a traballar en Pulpería Mario de Viveiro, o calendario de feiras non cambiou moito: «iniciamos a campaña o día 1 de maio nas Quendas de Mondoñedo e finalizámola arredor do 18 de outubro na mesma localidade coa celebración das San Lucas», apunta Hernán, que sinala que «fomos engadindo datas, algunhas naceron e morreron en poucos anos e outras foron quedando: a Feira de Mostras de Tineo, o entroido de Trabada, a Feira do Ferro en Riotorto, o Festival de Primevera en Ferreira do Valadouro, a Silvallana na Veiga, a Semana Negra de Xixón ou Os Remedios en Mondoñedo, entre outras». «A raíz da pandemia, decidimos instalarnos nun lugar fixo durante todo o verán e foi aí cando naceu a carpa de Barreiros, que é unha praza importante para nós porque botamos practicamente dous meses no mesmo sitio: acabamos de abrir o pasado día 20 e estaremos ata o 3 de setembro», comenta o hostaleiro. Ademais, este ano abriron un restaurante físico en Viveiro «para dar un pouquiño de traballo durante o inverno, xa que o noso é un sector estacionario e manter o persoal sen poder garantizarlles anuais é complicado». 

 

Non é só polbo o que serven pois, por exemplo, en Barreiros «temos unha carta máis ampla para que xente no se canse. Ademais, ao estar na praia estamos a traballar produtos máis lixeiros como a ensalada ou as zamburiñas». «No que é a feira tradicional, temos uns produtos básicos, os que garantizamos que van saír como queremos nosoutros: pulpo, xamón cocido, luras e os pementos de Padrón», destaca Hernán. 

O prezo do polbo semella que se converteu nos últimos tempos na medida de todas as cousas. É, sen dúbida, o seu produto estrela: «O pulpo foi sempre un produto á alza, desde que pagabamos o quilo a 6 euros ata o día de hoxe que o estamos a pagar a 19 e pico máis IVE. A ración este ano témola a 20 euros. Nosoutros preferimos sempre subir o prezo que baixar a cantidade ou perder calidade. Despois o cliente terá que ver se o seu peto pode asumir esa cantidade ou non. Entendemos que ten que ser así, temos que defender unha marca, as racións sempre foron así e tampouco podemos xogar con iso». Non é só o que subiu o polbo, senón todo o que o rodea: a suba do gas, do gasóleo para facer o transporte, a electricidade… «Hai moitas cousas que repercuten no prezo final», conclúe Hernán. 

 

Pulpería Mario de Viveiro é, desde hai anos, un importante grupo empresarial e a súa marca é moi recoñecida: «de media anual estamos en oito traballadores, pero nunha feira do verán podemos chegar ás 30 persoas. Agora co restaurante de San Roque hai que sumar dez traballadores máis que están alí todo o ano», indica Navarro, que prognostica unha boa tempada de verán no seu local de Barreiros: «as previsións son boas, o clima está axudando e a xente está a responder. Ademais, é unha zona que está en auxe, con dous chiringuitos e un bar que abriu hai pouco. Está moi ben porque á xente, cando remata de cear, tamén lle apetece sentar nunha terraza ou tomar unha copa e agora ten para onde ir».