Viveiro manterá abertos os tres baños públicos durante todo o ano
O primeiro deles é o ubicado en Covas, onde a parrillada do parque. Tamén estarán abertos todo o ano os que se atopan ao final no paseo desta praia, no pequeño parque alí situado. Este último está específicamente deseñado para ser empregado por persoas con mobilidade reducida, aínda que o outro tamén está adaptado para posibilitar este uso.
Finalmente, como novidade, o aseo que está ubicado debaixo do templete de música tamén poderá ser empregado todo o ano. O Concello pide a colaboración da veciñanza para manter estes baños públicos o máis limpos e coidados posibles.
Ademais destes tres baños públicos dispoñibles todo o ano, os da praia de Area tamén se manterán abertos durante o mes de setembro.
Aprobado o Plan de Infancia e Adolescencia
Noutra orde de cousas, o pleno municipal aprobou o Plan de Infancia e Adolescencia do Concello de Viveiro, a través dunha moción apoiada por unanimidade por todos os grupos políticos da corporación.
«O Concello de Viveiro leva tempo realizando as xestións e trámites necesarios para concorrer á convocatoria de recoñecemento como Cidade Amiga de Infancia, e para iso é imprescindible contar co Plan de Infancia e Adolescencia», asegura a alcaldesa, María Loureiro.
A iniciativa Cidades Amigas da Infancia, liderada por UNICEF Comité Español, ten como obxectivo xeral promover a aplicación da Convención sobre os Dereitos do Neno (ONU, 1989), ratificada por España en 1990 no ámbito dos Gobernos Locais.
«Consideramos que este recoñecemento favorecerá os intereses da poboación en xeral e da infancia en particular, na liña do traballo que vimos
desenvolvendo con diversas iniciativas que teñen como destinatarios os colectivos infantís e xuvenís, como a creación do Grupo de Participación Xuvenil», engade Loureiro.
No plan aprobado onte en pleno, o Concello de Viveiro presenta o seu compromiso co desenvolvemento dunha política municipal centrada en impulsar medidas que sitúen a infancia no centro da axenda política e o cumprimento dos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes.
Foi elaborado grazas á colaboración de diferentes departamentos e persoal municipal, dos centros educativos, de colectivos e axentes sociais e, tamén, do conxunto de nenos, nenas e adolescentes que participaron nas consultas e enquisas formuladas e, moi especialmente, do Grupo de Participación Xuvenil.