Viveiro acolle mañá o espectáculo 'O que levamos nas maletas' de Magín Blanco

O espectáculo forma parte do ciclo Ler Conta Moito e servirá para celebrar o Día das Bibliotecas

Viveiro acollerá mañá, sábado día 21 de outubro, o espectáculo ‘O que levamos nas maletas’, do músico e cantante Magín Blanco, para público a partir de 3 anos. Será ás 12 h na sala multiusos do Concello.

A actuación forma parte do ciclo Ler Conta Moito da Biblioteca Municipal de Viveiro. Estaba prevista inicialmente para o día 7 de outubro, pero un accidente sufrido polo artista obrigou a adiar a data ao día 21.


A concelleira de Cultura de Viveiro, Lara Fernández Fernández-Noriega, destaca que, con esta actividade, o Concello «continúa coa súa aposta por promover a lectura desde a infancia dun xeito divertido á vez que educativo». «Alegrámonos moito de que Magín Blanco poida por fin vir ao noso Concello para deleitarnos co seu espectáculo», engade.


Con esta actuación, o Concello comeza coa conmemoración do Día das Bibliotecas, que terá lugar este martes como cada 24 de outubro.         

Fernández Fernández-Noriega sinala que «a biblioteca pública de Viveiro é un referente para os veciños e as veciñas e sobre todo para os máis pequenos». «A cotío temos visitas guiadas dos centros educativos, é moi importante continuar con este labor de divulgación entre a cativada para dar a coñecer estas instalacións tan marabillosas das que dispoñemos», destaca a concelleira.