O PP de Viveiro pedirá ao Concello que inste ao Goberno de España a «impulsar o servizo de FEVE na Mariña»
O Grupo Municipal Popular de Viveiro pedirá no vindeiro pleno que o Concello inste ao Goberno central a impulsar o servizo ferroviario de FEVE na Mariña. «Desde o Partido Popular queremos que Viveiro se desenvolva e conecte e, polo tanto, instaremos á corporación a que o Concello chame ás portas do Goberno para que, finalmente, desenvolva un plan estratéxico
para adaptación e mellora dos convois que circulan por esta liña de ancho métrico e, ao mesmo tempo, recupere horarios e frecuencias». Igualmente, piden que «o Goberno outorgue as mesmas medidas compensatorias a Galicia que as anunciadas para Asturias e Cantabria para minimizar os prexuízos derivados do atraso na renovación dos trens».
A portavoz, Mariña Gueimunde, sinala que «todas as infraestruturas son necesarias para intercomunicar o noso concello tanto coa comarca da Mariña, a comarca de Ferrolterra ou a comunidade asturiana». Pero, lamentablemente, «en Viveiro o servizo de transporte ferroviario —antes coñecido como de vía estreita e agora de ancho métrico— non se axusta ás necesidades e demandas dos usuarios nin serve para comunicar, sequera, co concello veciño».
A popular incide en que «non hai servizo en horarios suficientes de ida e volta, nin persoal que o atenda, nin os convois son modernos nin cómodos nin accesibles». Para Gueimunde «temos un servizo público que podería ser utilizado, sequera, para achegarse ao Hospital da Costa, pero que a día de hoxe está obsoleto».
De feito, lembra que «presenta recoñecidas deficiencias: continuos atrasos, avarías, cancelacións, falta de persoal, eternas viaxes de percorrido interminable, interrupcións de servizos, traslados inoportunos en buses ou taxis, desprendementos de terra etc». A este respecto, os populares engaden que «a falta de investimentos e melloras somerxen a esta liña nun proceso de práctico desmantelamento que a reducen a unha presenza testemuñal desprovista de funcionalidade como transporte público».
ATRASO NA ENTREGA DE MATERIAL E PREXUÍZOS A GALICIA
A situación da liña de FEVE na Mariña viuse agravada cando «se constatou que o Goberno de España ía incumprir o seu compromiso de renovación da frota no ferrocarril de vía estreita a raíz do erro nos cálculos nos gálibos da infraestrutura dos novos trens, o que provocará un atraso considerable na chegada dos novos convois, como mínimo de tres anos, segundo as previsións que baralla o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana», explican. «Este atraso na entrega do material rodante para o servizo operado pola antiga Feve é un agravio máis para os intereses de Galicia e da comarca, que a estas alturas, aínda non recuperou os servizos cancelados por mor da pandemia sanitaria», expoñen os populares.
«Á lista hai que sumar, o anuncio da titular do Mitma de que en Asturias e Cantabria o servizo será gratuíto como medida compensatoria pola tardanza na entrega dos novos trens. De feito, comprometeu a transferencia dos recursos necesarios ás dúas comunidades autónomas para bonificar o seus servizos de cercanías ata o 2026, é dicir, para calmar a indignación de Asturias e Cantabria o Goberno central tira de recursos públicos para tentar rebaixar a tensión das críticas; pero desvincula a Galicia das bonificacións, sendo tamén prexudicada e afectada polo atraso na incorporación dos novos trens á frota da rede de ferrocarrís de ancho métrico», engaden.
«Outro dos prexuízos do Goberno con Galicia e, concretamente, coa provincia de Lugo é que a nosa provincia quedou fóra da rede da alta velocidade, mentres que en Asturias comezará a operar a finais deste ano», rematan.
PROPOSTA DE ACORDO
Os concelleiros do Partido Popular propoñen os seguintes puntos de acordo:
1. Instar ao Goberno de España para que outorgue a Galicia as mesmas medidas compensatorias anunciadas para Asturias e Cantabria para minimizar os prexuízos derivados do atraso na renovación dos trens da liña ferroviaria de ancho métrico que operan na nosa Comunidade e que aseguran aos usuarios a gratuidade do servizo, cando menos, ata 2026.
2. Instar á alcaldía a liderar un movemento nas comarcas da Mariña e Ferrol-Terra que impulse coa maior brevidade posible un Plan integral de mellora que aborde todas as súas deficiencias. Un plan para a electrificación da totalidade da liña de ferrocarril de ancho métrico que opera en Galicia.
3. Acompañe a necesaria modernización do material rodante na liña de ancho métrico entre Ferrol e Ribadeo co incremento de frecuencias que permitan atender axeitadamente a demanda de mobilidade dos usuarios.