O PP de Viveiro «négase a debater» a moción para urxir á Xunta a contruír a variante
O regulamento orgánico municipal recolle que cada grupo político pode levar unha moción a cada pleno, e tanto o goberno local como os servizos xurídicos do Concello entendían que se cumpría a ratio con esta proposta e outra moción para que Viveiro sexa unha cidade Amiga da Infancia. «Porén, o PP dirixiuse á Secretaria Municipal para argumentar que, ao seu entender, eran dúas iniciativas asinadas polo goberno local e se excedía a ratio autorizada para cada pleno», indican desde o equipo de goberno.
Tanto a alcaldesa, María Loureiro, como a tenenta de alcaldesa, Miriam Bermúdez, lamentan «a actitude do PP e a súa escasa vontade de buscar solucións aos problemas da veciñanza, non quixeron debater hoxe este tema e buscaron unha escusa». A proposta procuraba un acordo plenario para pedir á Xunta unha reunión urxente que axilizase o proxecto.
«Esta actitude non vai impedir que este goberno siga loitando por unha vía de alta capacidade tan necesaria para o futuro de Viveiro», engaden.