O Concello de Viveiro reunirase co presidente de Portos de Galicia para desbloquear importantes proxectos para o municipio
Despois de varios anos detrás dunha solución, o pasado mes de agosto o goberno local solicitou ata tres veces e por escrito unha reunión co novo
presidente de Portos de Galicia. Ao non obter resposta, Loureiro e Bermúdez desprazáronse hoxe persoalmente ata a sede do organismo en Santiago de Compostela. Foron recibidas polo presidente e manterán unha reunión formal dentro de 15 días.
«Agradecemos a súa receptividade e agardamos que a reunión sexa fructífera, xa que son temas e proxectos prioritarios para Viveiro, algún deles á espera dun acordo con Portos de Galicia desde hai anos», aseguran Loureiro e Bermúdez.
Entre os temas a tratar nesa reunión, está o de conseguir a cesión de uso definitivo da explanada na que se atopa o antigo Casino de Viveiro, unha demanda que o concello mantén desde hai anos. Tamén o arranxo do firme do peirao de Viveiro, e o desenvolvemento dunha actuación de humanización da zona comprendida entre os núcleos de Viveiro e Celeiro, contemplando a creación dun carril-bici e un paseo peonil.
Ademais, o Concello solicitou a Portos de Galicia e o Servizo Provincial de Costas unha reunión urxente para aclarar quen é o responsable de adoptar as medidas precisas para arranxar os desperfectos existentes no muro de contención do Paseo Marítimo e a rampa de acceso á lamina de auga ubicada nas inmediacións da Ponte da Misericordia.
O Servizo Provincial de Costas xa manifestou a súa disposición a reunirse, polo que o Concello está á espera de recibir unha resposta por parte de Portos de Galicia.