O Naseiro arranca hoxe co Día do Polbo
Este venres, 25 de agosto, dá comezo unha das celebracións máis concorridas non só de Viveiro e da Mariña, senón de todo Galicia, O Naseiro. Entre as localidades de Landrove e Chavín, no val do Naseiro, celébrase cada ano esta romaría que xunta a varias xeracións en improvisadas cabanas e casetas nun auténtico festival gastronómico e musical. A festa que, desde 1967, é de Interese Turístico Nacional, naceu en 1933 cando o empresario José Barro González, que rexentaba o hoxe desaparecido complexo industrial de Barro-Chavín, —no que se fabricaban piezas e carrozarías para automóbiles— decidiu organizar un xantar para os seus traballadores evitando así concederlles os 30 días de vacacións aos que tiñan dereito naquela altura.
Programación
Como manda a tradición, cada día haberá un protagonista culinario distinto, comezando o venres, que será o Día do Polbo. Non en balde, a festa é tamén coñecida popularmente como a Romaxe do Bo Xantar. Caldo, empanada e sardiñas completan un menú ao que non lle falta a música: o venres haberá unha charanga; o sábado, a sesión vermú e a verbena estarán amenizadas pola orquestras Superstar e Atenas; o domingo será a quenda de M3 Show e Kalima 3.0.; o luns 28 a música correrá a cargo de Suavecito e Zona Zero; e o martes a festa continúa da man das actuacións de Fénix e Arizona. Ademais, o mércores, derradeira xornada, será o día dos máis pequenos, que poderán gozar de diferentes atraccións a prezos populares no campo da festa.
Normas básicas
A pasada semana, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, emitía un bando con “normas básicas” para unha normal celebración “co obxectivo de manter a esencia desta romaría, así como de protexer a súa imaxe e a privilexiada contorna na que se realiza”. Para iso, continuaba o texto, “é preciso que todos colaboremos respectando unha serie de indicacións para o benestar, a seguridade e a convivencia cívica”. Entre as obrigas e peticións da rexedora municipal estaban a prohibición de realizar peches de parcelas con plásticos negros "ou con outros materiais non acordes co contorno", facer lume preto do arboredo e fóra dos espazos habilitados, un uso axeitado dos sanitarios públicos e o correcto depósito dos residuos nos colectores instalados “respectando a recollida separada dos mesmos”. Por último, Loureiro quixo lembrar que “a romaría se celebra nun espazo natural protexido incluído na Rede Natura 2000 e nunha contorna fluvial, é preciso respectar dita contorna e as normas que a protexen e que establecen os organismos competentes”.