María Loureiro: «O noso obxectivo é a desestacionalización do turismo»

María Loureiro García (Viveiro, 1981) accedeu á alcaldía en decembro do 2013 tras o falecemento do seu antecesor, Melchor Roel, converténdose así na primeira alcadesa de Viveiro. Licenciada en Dereito pola Universidade de Vigo, este será o seu terceiro mandato e di manter «a mesma ilusión e a mesma responsabilidade».

Como está a vivir esta nova lexislatura?

Coa mesma ilusión e a mesma responsabilidade que os mandatos anteriores. Si que é certo que este mandato é diferente, pois os veciños elixiron unha forma de goberno de coalición, non houbo maiorías absolutas, e tivemos que atender á vontade dos veciños e veciñas de Viveiro. Estamos nun goberno de coalición co Bloque Nacionalista Galego, unha combinación de experiencia —a dos que xa repetimos no goberno— e de novos proxectos, novas ideas e novos aires. Unha boa  mestura, cun obxectivo común: traballar pola veciñanza de Viveiro. 

Como foron as negociacións para alcanzar un acordo de goberno? 

Evidentemente, nunha negociación sempre hai encontros e desencontros. O que tiñamos claro no momento en que sentamos Míriam e máis eu é que tiñamos que chegar a un acordo, pois non queriamos que a dereita gobernara en Viveiro. O Partido Popular foi a forza máis votada, pero non conseguiu acadar a maioría absoluta e as forzas de esquerda superabamos ao PP. Sabiamos que era inevitable chegar a un acordo, e as negociacións decorreron nun ámbito normal, de cordialidade, e finalmente chegamos a un acordo co que puidemos formar goberno e repartir as áreas de maneira satisfactoria. 

Mostrouse favorable a que Por Viveiro entrara no goberno. Finalmente non foi así. Como o valora? 

Nós avogabamos por unha coalición de esquerdas, entendiamos que eramos tres forzas que lograramos dez concelleiros fronte aos sete do PP. Entendía que era bo un goberno forte, coas tres forzas, porque ao fin e ao cabo foi o que decidiron os veciños e as veciñas de Viveiro. A miña intención foi a de configurar un goberno progresista, mais non foi posible que entraran e as súas razóns xa as deron no seu momento. Sempre nos dixeron que non van interromper a gobernabilidade e loxicamente representan tamén a unha parte da cidadanía. É unha mágoa, mais agora estamos con oito concelleiros, que son os mesmos que eu tiven durante dous mandatos. Haberá que chegar a acordos puntuais, neste caso con Por Viveiro, pero é posible gobernar con oito concelleiros porque así o vimos facendo. En Viveiro hai moito tempo que non hai maiorías absolutas e, a pesar de que non somos tres forzas, creo que é un goberno sólido para sacar adiante os temas importantes que afectan ao concello de Viveiro e os asuntos do día a día nas diferentes áreas. 


Nunha recente entrevista neste medio, Míriam Bermúdez falaba de que sería positivo contar con catro dedicacións exclusivas. Cre tamén que sería positivo para Viveiro? 

Sempre que se fala das dedicacións, xa ocorreu nos anteriores mandatos, semella que é un tema que en Viveiro se saca de contexto. Falos dos medios e, en xeral, dos partidos políticos. Viveiro é unha poboación de máis de 15.000 habitantes para o que a lei estipula ata sete dedicacións. Nós temos unha política de non ter moitas dedicacións e uns salarios normais. Falabamos de catro retribucións, que en realidade eran tres, pois non eran completas. Creo que é un tema un pouco populista e, neste caso, o PP quixo sacalo fóra de contexto. Só hai que ver as alcaldías do Partido Popular e os salarios de municipios moito máis pequenos que o concello de Viveiro que teñen máis dedicacións e máis cantidade asignada. As catro dedicacións serían moi positivas para atender o día a día dos veciños e veciñas, xa que cando sae na prensa que fai falta isto, que non está limpo o outro; necesítase xestión, e por iso as defendiamos. Somos o terceiro concello máis importante en poboación da provincia de Lugo e, polo tanto, hai moito traballo en todas as áreas: urbanismo, obras, levamos os colexios, servicios sociais… Viveiro ten moita actividade, ten moitos servizos e necesítase xestión, si que é verdade que hai técnicos e traballadores, pero necesítase xestión e organización. É moi fácil dicir que cobramos moito e que o Concello está endebedado, mais aínda que finalmente foran catro as dedicacións, a débeda íase seguir pagando. Dentro desa política populista dícese iso e critícase pero a realidade é que Viveiro é un dos concellos máis grandes e o que menos dedicacións e cantidades ten. 


Ve factible cumprir coa listaxe de actuacións marcadas polos independentes? 

Parte das actuacións que Por Viveiro solicitou para acadar a investidura son accións que xa estaban contempladas no propio programa de goberno do Partido Socialista. Son actuacións que dependen de distintas administracións e que creo que son factibles. Desde o Concello faremos todo o posible para que se cumpran.  


Pode facer un balance do verán a nivel turístico? Resurrection Fest, Mercado Renacentista, festas patronais… Ademais, hai pouco saían os datos e falábase dun turismo máis desestacionalizado…

Desde a área de Turismo levamos xa moitos anos traballando na desestacionalización. Agora pódense ver moitos visitantes en todas as épocas do ano. Este verán rompéronse todos os récords. Comezou antes a tempada estival, xa en xuño había moitos turistas e, ao longo de toda a tempada estival tamén. Antes, o mes de agosto era o que mellor funcionaba, pero agora é igual ou mellor, co Resurrection Fest e co Mercado Renacentista, que contribúen tamén a esa dinamización económica do sector servizos. Houbo moitísima xente e aínda agora en setembro a hai. Falando cos hostaleiros, avecíñase moita xente incluso ata mediados de outubro polos datos que temos da ocupación hoteleira. Viveiro está a ser un destino único para moitos visitantes do sur de España por unha cuestión climática. Foi un verán no que se bateron todos os récords, mais o noso obxectivo é seguir traballando para mellorar, tamén coa desestacionalización do turismo, pois máis do 50% do emprego en Viveiro pertence ao sector servizos, un sector que tan tocado quedou despois da pandemia.