O Concello de Viveiro informa que a veciñanza poderá seguir en dúas pantallas a final de 800 metros lisos do Campionato do Mundo de Atletismo, na que competirá o viveirense Adrián Ben.
A proba final de 800 metros lisos está programada para as 20.30 h, polo que a cidadanía poderá achegarse con tempo para animar a Adrián Ben en calquera das dúas pantallas.
Dunha banda, o Concello colocará unha pantalla na praza Maior de Viveiro. Doutra banda, xestionou coa Comisión de Festas e coa orquestra os medios técnicos para situar outra pantalla no palco da orquestra na Romaría do Naseiro.
O Goberno local felicita «en nome de toda a vila, a Adrián Ben por lograr a súa clasificación para esta gran final. Este sábado todo Viveiro apoiará ao deportista, que é un exemplo de traballo e esforzo».